Saltar ao contido principal

TI NON ES DE AQUÍ? Xúnior, continúa a saga!

Acaba de nacer a versión infantil do TI NON ES DE AQUÍ?, o TI NON ES DE AQUÍ? edición Xúnior, un xogo amplamente demandado, sobre todo entre o sector do ensino, no que -debemos subliñalo e agradecelo- a versión para adultos do xogo tivo e segue a ter unha acollida fantástica.


Vexamos con detemento en que consiste a versión para crianzas:



Ti non es de aquí? edición Xúnior é un xogo de mesa no que os e as participantes deben demostrar os coñecementos que teñen sobre Galicia/Galiza e sobre outros temas de cultura xeral, contestando as cuestións que van xurdindo no xogo, divididas en 4 bloques ou áreas temáticas: 1. lingua; 2. ciencias, xeografía, recursos; 3. historia, patrimonio, tradicións, persoeiros, e 4. cultura xeral, actualidade. As tres primeiras categorías son específicas sobre o noso País. O xogo combina as preguntas con mini-retos que van poñer a proba as e os participantes en habilidades coma o debuxo ou a mímica, por exemplo.

CONTIDO
A caixa do xogo Ti non es de aquí? Xúnior contén:
1 taboleiro
6 peóns
400 tarxetas-pregunta
30 tarxetas-sorte
20 tarxetas-reto
1 taco papel para os mini-xogos
1 lapis bicolor
1 manual de instrucións

OBXECTIVO DO XOGO
Rematar en primeiro lugar o percorrido do taboleiro respondendo atinadamente as tarxetas-pregunta e superando os retos (probas) e/ou mini-xogos que no transcurso da partida vaian xurdindo.

AS TARXETAS-PREGUNTA
Están divididas en 4 bloques temáticos (100 tarxetas por tema), identificábeis pola cor e polo debuxo do reverso (cor granate e imaxe de Rosalía de Castro para a temática de lingua; cor azul e imaxe dun toxo para as tarxetas de ciencias, xeografía e recursos; cor lila e imaxe dun achado do castro de Viladonga para as tarxetas de historia, patrimonio, tradicións e persoeiros; e cor verde e imaxe dun globo terráqueo para as tarxetas de cultura xeral e actualidade). No anverso da tarxeta aparece un encabezado ou título e catro opcións. Debemos atinar (responder) cal das catro opcións non ten a ver con ese título. Exemplo: Collemos unha tarxeta de LINGUA. No título lemos SIGNIFICAN O MESMO, seguido das catro opcións HÓRREO, CABACEIRO, CANASTRO, MILLADOIRO. Como se pode comprobar MILLADOIRO non ten o mesmo significado, non é un sinónimo das outras 3 opcións e, por tanto, é a resposta que debemos dar para continuarmos xogando.
AS TARXETAS-SORTE
Son 30 tarxetas cuxo uso incide directamente no adianto ou retroceso dos peóns no taboleiro. Teñen o reverso de cor negra e a imaxe da NENA de OZOCOgz, cóllense do mazo situado no taboleiro cando o peón se move á casa correspondente. Existen 3 tipos de tarxetas-sorte, as COMODÍN, as ADIANTA/RECÚA e as dos MEIGALLOS.
As COMODÍN (agás o COMODÍN do “APALPADOR”, que é de uso inmediato) poden usarse no momento de collerse do mazo ou reservarse para máis adiante (se un/unha non sabe a resposta á tarxeta-pregunta, evidentemente) en calquera momento do xogo. O feito de caer nesta casa non evita a tarxeta-pregunta que corresponda. Para o seu uso, unha vez lida a tarxeta-pregunta, o xogador ou xogadora deberá amosar cara arriba a tarxeta-comodín para que quen estea nese momento a ler actúe como se indica nela. No caso do COMODÍN do “APALPADOR”, os xogadores e/ou xogadoras moverán os seus peóns tal e como se indica na tarxeta e a persoa que usou o COMODÍN seguirá xogando.
Nas de ADIANTA/RECÚA débese proceder tal e como se indica nelas. Son de uso inmediato e, como regra xeral, no caso de ter que recuar, pérdese a quenda e xoga o/a seguinte participante.
As dos MEIGALLOS (VIUTE UNHA MEIGA, BOTÁRONCHE MAL DE OLLO! e VICHES O LOBO!) son de uso inmediato e todas elas implican a perda da quenda.
As TARXETAS-SORTE, unha vez usadas, deberán devolverse ao mazo situándoas no fondo do mesmo.

AS TARXETAS-RETO
Son 20  tarxetas que agochan pequenas probas ou mini-xogos que as e os participantes deberán superar para seguiren avanzando polo taboleiro. As instrucións ou xeito de pasalas está explicado no ANEXO final deste libriño.
Poden ser de varios tipos, de DEBUXO, de MÍMICA ou pequenos xogos de lapis e papel nos que tratar de vencer aos/ás rivais do xogo, como o AFORCADO ou o OSO, entre outros. Segundo o resultado Dos retos será o avance ou o retroceso de casas polo taboleiro. Este avance ou retroceso está indicado en cada unha tarxetas.
O mesmo que ocorre coas TARXETAS-SORTE, as TARXETAS-RETO, unha vez usadas, deberán devolverse ao mazo situándoas no fondo do mesmo.

O TABOLEIRO
O taboleiro do xogo está dividido en 56 casas (contando as de SAÍDA e CHEGADA), entre elas está indicado con pequenas frechas a dirección a seguir polos peóns dende a casa de SAÍDA até a CHEGADA (o TORQUES central). As casas fan referencia ás diferentes temáticas e ás tarxetas RETO e SORTE identificadas pola cor e debuxo correspondente.

COMO XOGAR
As/os xogadoras/es deberán realizar un sorteo para estableceren quen inicia o xogo. A/O participante da esquerda da/o que lle toca xogar collerá a primeira tarxeta-pregunta da caixa e lerá en voz alta, primeiro o encabezamento e despois as catro opcións que figuran nela. A/O xogador/a preguntada/o deberá saber/atinar cal das 4 opcións non pertence ao encabezado da tarxeta. Se a resposta é correcta avanzará 1 casa co seu peón. No caso contrario, de non acertar, o peón fica no mesmo lugar onde está e pasará a quenda ao/á seguinte participante, sendo neste caso el/a ao/a encargada de ler as tarxetas-pregunta.
Se a/o participante preguntado/a estiver en posesión dunha tarxeta-comodín e non souber ou dubidar a resposta, e quixer empregala, deberá amosala antes de responder para que o/a xogador/a que le a tarxeta-pregunta actúe segundo o que nela poña.
En cada quenda, o xogador/a ten dereito a un máximo de 5 tarxetas-pregunta, sempre a cando as vaia atinando; é dicir, se falla non ten dereito a continuar pasando de inmediato a quenda á/ao seguinte participante.
Se no momento de xogar un peón está situado na casa dun tema determinado e a tarxeta-pregunta coincide coa mesma temática, no caso de responder ben, en lugar de avanzar 1 casa, avanzará 2. No caso de fallar ficará sen moverse.
Como sa xe dixo noutro apartado, de caer o peón nunha casa co símbolo das tarxetas-sorte, deberá coller 1 no mazo correspondente. Estas  poden usarse no momento de collerse do mazo ou reservarse para máis adiante (se un/unha non sabe a resposta á tarxeta-pregunta, evidentemente) en calquera momento do xogo. O feito de caer nesta casa non evita a tarxeta-pregunta que corresponda.
De caer o peón nunha casa co símbolo de tarxeta-reto, esta deberase facer de inmediato para poder continuar co xogo do taboleiro.
As tarxetas-pregunta, segundo se vaian usando, deberan retornar á caixa colocándoas no fondo do mazo para seren empregadas de novo, no caso de ser preciso.

FINAL DO XOGO
O/A xogador/a que chegue en primeiro lugar á casa de CHEGADA (o torques central) será o/a gañador/a da partida.

https://ozocogz-atenda.com/p/xogo-de-mesa-cultural-ti-non-es-de-aqui-edicion-xunior

Comentarios

Publicacións populares deste blog

TI NON ES DE AQUÍ? - Un xogo de mesa cultural - educativo, a nova aposta de OZOCOgz papelaría

BOAS FESTAS!

BELÉN, ANO CERO
Xuntéi o vento frío coa auga-neve,
xuntéi a noite negra coa xiada,
e vin un neno espido nun pesebre.
Qué misterio máis fondo, qué aventura:
O neno non quería
gozar de outros irmáus, nin de outra axuda.
Por algo estaba alí, por algo estaba
tan lonxe da riqueza gasalleira,
tan perto da probeza desolada.
Por algo os pastoriños se achegaron.
E si o vento pasou tan paseniño
cantando soavemente, foi por algo.
Por algo era María unha artesán,
cando podía sere si quixera,
primeira dama, esposa principal.
Por algo era Xosé un carpinteiro
de fortes, rexas máus encallecidas
na garlopa, na trencha e no martelo.
Xuntéi tódolos orfos nun só berce,
xuntéi as inxusticias cos aldraxes
e púxenos de ofrenda nun pesebre.
¿Quén foi o que roubou o meu presente?
-Celso E. Ferreiro-

7ª edición -en feminino- do concurso de micro-relatos OZOCOgz

Xa está en marcha a 7ª edición do noso concurso de micro-relatos. 
Para ires recibindo información puntual do concurso podes seguilo dende o evento creado en facebook:

https://www.facebook.com/events/535003687021466/

Este ano o xurado de honra está formado por:

Ana Cabaleiro


Cruz Martínez



Tamara Andrés



e Lucía Rodríguez, gañadora da anterior edición do concurso  

Colaboran:
Aparthotel Arenteiro co obsequio do 1º premio


A Deputación de Ourense co obsequio do lote de libros
e as librarías que completan o xurado do concurso:

Escolma, do Carballiño
Miranda, de Bueu

Andel, de Vigo