TI NON ES DE AQUÍ? - Un xogo de mesa cultural - educativo, a nova aposta de OZOCOgz papelaría



TI NON ES DE AQUÍ? é un xogo de mesa en formato tradicional de taboleiro, tarxetas con preguntas e fichas, no que se pretende poñer a proba os coñecementos que os participantes teñen sobre Galicia, contestando preguntas sobre aspectos diferentes do país, divididas en 5 bloques ou áreas temáticas:

  1. lingua, literatura, biografías, premios literarios, Días das Letras, toponimia...
  2. prehistoria, os suevos, Prisciliano, idade media, irmandiños, política...
  3. monumentos, patrimonio, pintura, escultura, arquitectura, museos, etnografía...
  4.  música, cinema, televisión, televisión, radio, premios, deporte, festivais...
  5. xeografía, festas, pesca, agricultura, industria, gastronomía, fauna, flora...


OBXECTIVO DO XOGO

Rematar en primeiro lugar o percorrido do taboleiro, un percorrido polo mapa galego,  respondendo atinadamente o maior número de cuestións.

DESTINATARIOS/AS DO XOGO

TI NON ES DE AQUÍ? Está deseñado como xogo de sociedade para persoas cuns coñecementos culturais medios sobre Galicia. Poderán xogar nenos e nenas a partires dos 12 anos de idade aínda que o ideal sexa o alumnado dende o Ensino Secundario Obrigatorio en diante.


PREPARACIÓN DO XOGO

Despregar o taboleiro sobre unha mesa ou superficie chan. Cada participante collerá un dos peóns que colocará a carón da casiña de saída. Barállanse as tarxetas-pregunta e colócanse nunha das caixiñas interiores de forma que só se vexa a traseira das mesmas. Sortéase a orde de saída e comeza a xogar o/a primeiro/a participante segundo as regras que veñen deseguido.


AS TARXETAS-PREGUNTA

Están divididas en 5 bloques temáticos (175 tarxetas por tema), identificábeis pola cor e o debuxo do reverso. No anverso da tarxeta aparece un encabezado ou título e catro opcións. Debemos atinar cal das catro opcións non ten a ver co encabezamento da pregunta. Exemplo: Collemos unha tarxeta de LINGUA - LITERATURA. No título lemos SINÓNIMOS, seguido das 4 opcións HÓRREO, CABACEIRO, POMBAL, CANASTRO. Como se pode comprobar POMBAL non é unha palabra sinónima das outras 3, este é o dato que debemos atinar para continuarmos xogando.



O TABOLEIRO

O taboleiro do xogo está dividido en 76 casiñas, entre as que se indica con frechas a dirección a seguir polos/as participantes, dende a casiña de SAÍDA até a CHEGADA (o “G” do centro do taboleiro). Hai 7 casiñas marcadas co número 3, e 8 casiñas co número 2, así como 4 casiñas co nome da cada unha das cidades capital de provincia. O resto de casiñas fan referencia ás diferentes temáticas identificadas pola súa cor e o debuxo correspondente.

FINAL DO XOGO

O/A xogador/a que chegue en primeiro lugar á casiña de chegada (O “G” central) será o/a gañador/a da partida.

http://ozocogz-atenda.com/index.php?id_product=161&controller=product


Entrega de premios concurso micro-relatos 2018


Xa está todo preparado para entregarmos os premios ás gañadoras da 6ª edición do noso concurso literario.
Contar coa túa compaña ese día sería o maior premio para quen organizamos este concurso no que a cambio de micro-relatos ofertamos macro-amizades. Contamos contigo!
Apertas ozoqueiras!!!!!