Xa está en marcha a 6ª edición do noso concurso de micro-relatos.
Máis información no evento creado na nosa páxina de facebook:
https://www.facebook.com/events/164097064218482/
Anímate e participa, estas son as bases:
BASES 6º concurso micro-relatos OZOCOgz
1. Os micro-relatos deberán estar escritos en lingua galega. Deben ser orixinais, inéditos e non premiados nin presentados en ningún outro concurso ou certame literario.2. A temática será LIBRE.
3. Admitirase só un relato por autor ou autora.
4. A autora ou autor deberá cumprir cos seguintes requisitos con carácter obrigatorio. O non cumprimento dalgún destes puntos significa a non aceptación do seu relato no concurso:
- Ter cumpridos os 16 anos ou máis
- Ter un perfil en facebook
- Compartir o evento do concurso no seu “muro”, engadindo a etiqueta @ozocogz
- Premer (de non telo feito con anterioridade) no "Gústame" da nosa páxina (FanPage): www.facebook.com/desenho.galego
5. A extensión máxima dos micro-relatos será de 140 palabras.
6. Os relatos poderanse facer chegar por calquera dos dous métodos seguintes:
a. A través dunha mensaxe na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz. Nesa mensaxe figurará tamén o nome do relato xunto cun seudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos o conto na páxina de facebook e máis na nosa web www.ozocogz.com.
b. Por correo electrónico a ozocogz@gmail.com. Neste caso figurará no asunto CONCURSO MICRO-RELATOS OZOCOgz. Coma no caso anterior, figurará tamén o nome do relato xunto cun seudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos o conto na páxina de facebook e máis na nosa web www.ozocogz.com
7. OZOCOgz resérvase o dereito de non admitir a concurso aqueles micro-relatos que, entre outras causas, atenten contra o dereito á intimidade, honra e propia imaxe de terceiros/as, ou que conteñan connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios difamatorios ou calquera outros que atenten contra a dignidade.
8. Os/as usuarios/as de facebook poderán facer comentarios aos micro-relatos. Estes comentarios serán moderados por OZOCOgz. Os comentarios ou lecturas, sexa cal sexa o seu número ou texto, non implicarán de ningún xeito influencia na votación final.
9. O prazo de envío dos micro-relatos vai dende o 5 de febreiro até o 30 de abril de 2018. O 17 de maio, Día das nosas Letras daremos a coñecer publicamente o nome dos relatos gañadores, quedando por fixar por OZOCOgz unha data posterior para a entrega dos premios.
SELECCIÓN DO GAÑADOR OU GAÑADORA
10. O xurado está formado polas seguintes persoas: un/unha representante da "Libraría Escolma" do Carballiño, un/unha representante da "Librería Miranda" de Bueu, un/unha representante da "Libraría Vagalume" de Lalín, un/unha representante da "Libraría Andel" de Vigo, un/unha representante da “Libraría Pedreira” de Compostela, a escritora Arantza Portabales, a escritora Rochi Novoa, o escritor Fran Fernández Davila, o escritor Manuel Núñez Singala e a gañadora da pasada edición do concurso Susana Villamor Prieto.
11. Haberá dous micro-relatos premiados aos que corresponderán os seguintes premios:
Ao 1º premio e relato gañador faráselle entrega dunha camisola OZOCOgz e un vale por un xantar ou cea degustación, con produtos ecolóxicos da zona, para dúas persoas, na Taberna cultural A Arca da Noe, en Vilar de Santos - A Limia (Ourense).
Ao 2º premio e relato finalista faráselle entrega dunha camisola OZOCOgz e un lote de libros.
12. A decisión do xuri é inapelábel e irrevogábel podendo declarar deserta a totalidade ou algún dos premios no caso de non acadar a calidade necesaria.
13. Calquera cuestión non prevista nestas bases será interpretada e resolta por OZOCOgz en calidade de organizadora do concurso.
14. Todos os micro-relatos presentados a concurso pasan a ser propiedade de OZOCOgz, reservándose o dereito da súa publicación, tradución a outros idiomas ou difusión por calquera medio, citando sempre o autor ou autora dos mesmos. As autoras e autores dos micro-relatos, polo mero feito de participar, ceden en exclusiva a OZOCOgz os dereitos patrimoniais ou de explotación sobre as súas obras: dereito de reprodución, dereito de distribución, dereito de comunicación pública e dereito de transformación (tradución e adaptación basicamente). A cesión anterior terá unha duración de 25 anos. Pola súa parte, OZOCOgz respectará os dereitos morais de autoras e autores, especialmente os dereitos de paternidade e de integridade, co cal citará sempre a autoras e autores das obras presentadas a concurso e non alterará os relatos presentados. Se a autora ou autor quixera publicar ou explotar economicamente a obra presentada a concurso deberá pedir autorización previa a OZOCOg.
15. O feito de participar implica a plena aceptación destas bases ou daquelas modificacións puntuais que puidesen xurdir no transcurso do concurso.
O Carballiño, 2 de febreiro de 2018
Eladino Cabanelas
Responsábel de OZOCOgz
Comentarios
Publicar un comentario