Saltar ao contido principal

A Romaxe do 2016 nun lugar máxico, no Monte Seixo, a carón da Portalén

Máis un ano e convidados pola marabillosa xente que organiza, ano tras ano, a Romaxe dos Crentes galegos, OZOCOgz acudirá a esta cita especial.

Como todos os anos, os lugares escollidos xunguen o espírito relixioso do evento cos vellos cultos de exaltación precristiáns.

Desta volta imos estar no Monte Seixo, no Concello de Cerdedo (Pontevedra), "nesta telúrica paraxe, tan humana e socialmente representativa da loita pola sobre-vivencia e a súa conservación!", segundo verbas de Xabi Blanco, un dos principais argallantes desta festa - romaxe.

Para quen queirades acudir, deixámosvos aquí as coordenadas para o GPS (en Googlemaps): 42.4731 -8.3831.


Máis información sobre o acto aquí: Romeiros do Alén.

Para rematar fica aquí un artigo de Carlos Reigosa sobre este lugar máxico:

O Monte do Seixo, porta do Alén

CALROS SOLLA, xunto cos compoñentes da Asociación Cultural e Ecoloxista “Verbo Xido” e do Grupo de Estudos Etnográficos “Serpe Bichoca”, descubríronme a min e ao mundo os 24 quilómetros cadrados do Monte do Seixo aló polo ano 2005 coa publicación do “Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo”. Logo chegaron títulos como “Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica”, “Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas”; e un documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica” xunto coa organización de roteiros, conferencias e marchas, coa edición de artigos, vídeos, blogs, folletos e outras mil iniciativas coas tentan que o Seixo se reinvente nunha xeografía cangada, como sempre foi, de humanas emocións.
O Monte do Seixo, incluido na Rede Natura, anda a cabalo da Serra do Cando entre os concellos de Cerdedo, Cotobade, Forcarei, A Lama e Beariz. Nel danse cita o pasado histórico, relixioso e lendario, pois localizáronse varios xacementos arqueolóxicos e trinta estacións míticas asociadas a vellos cultos e ritos. No presente, a natureza revélasenos mancada pero aínda espléndida, sorprendente nalgunhas formación rochosas insospeitadas; o futuro, pola contra, a pesar de toda esa bagaxe de séculos, amósase escuro de non se pór remedio á toma polas bravas do monte por un parque eólico degradante.

fotografía da Portalén © Carlos G. Fernández

O Seixo é obra humana, pois invención humana son os nomes dos lugares que o habitan, das construccións, dos camiños e carreiros, das fontes e regatos, pozas e lagoas, dos animais, das plantas e das pedras; obra humana son as mámoas, os castros, capelas, muíños, foxos, neveiras…, e humanas son, aínda que non o parezan, as fantasías que o convirten nun monte singular, máxico, único, extraordinario. O Seixo, coma o Pindo, o Aloia, o Pico Sagro ou o Medulio, imaxinaria xeografía, son os portos, as atalaias, que os galegos temos máis preto do Alén.
Deixámonos guiar pola memoria de Isolina das Raposeiras, avoa de Calros Solla, e percorremos o Seixo emocionados, desde calquera das aldeas nas que asenta (Carballás, Barro, Meilide, Abelaíndo, A Cavadosa, Cimadevila, Bouzas, Fraguas, Gavián, A Barcia, Ricovanca, Hadrián, Ratel, Regotraveso, Cernadelo, Fontegrande, A Devesa de Baixo, Afonsín, Barro, Guisande e Presqueiras) ata coroar o Outeiro do Coto, a Cruz do Seixo ou o Castro Grande. Case sen pretendelo, coñeceremos Chan de Mamas e o que queda dos seus túmulos, o Marco do Vento, o Almadraque da Pirocha, o Outeiro da Cama, a Laxe do Mosqueiro, Fontefría, a Casa da Neve, Cavaladrós, Penadrosa, Campo do Boi, Santa Mariña, as Laghoas de Xestido coa vila de Trentinán asolagada, a Fonte de Sanabarrighas, o nome xa o di todo, e outros moitos lugares nos que aínda habitan pantasmas, monstros e outros seres, estacións polas que xa transitara hai arredor de 240 anos o ilustre Frei Martín Sarmiento.



fotografía da Portalén © Carlos G. Fernández
Non queremos despedirnos do Seixo sen conducirvos ata o lugar que nos achega á lumieira do Máis Alá, alí onde uns “petoutos furados, rachados, regañados, gretados, fendidos, lañados…”, coñecidos co revelador nome de Portalén, nos ofrecen a posibilidade de conversar cos que xa transpasaron os lindeiros deste mundo.
Quen desexe falar cos do Outro Mundo ten que ir no mes de Santos a Portalén, e debe levar canda si algún presente para comer e beber, pan e viño preferentemente, e tamén unha candea coa que alumar o momento. Logo xa pode preguntar o que desexe e as resposatras víranlle, cumpridas, dacabalo do vento.
Mais, ai daquel que revele o alí falado! Tomaráselle a voz e será por sempre vítima dun misterioso rouquexo.
__________©Antonio Reigosa, Xornal de Galicia, páx- 48, 15-VIII-2010.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

TI NON ES DE AQUÍ? - Un xogo de mesa cultural - educativo, a nova aposta de OZOCOgz papelaría

HABEMUS TENDA!

HABEMUS TENDA!

Si, efectivamente, após estes anos de traballo OZOCOgz dá un pasiño máis e abre tenda "física" cos produtos máis ozoqueiros do mundo.

Como non podía ser doutro xeito abrimos no Carballiño, na nosa vila e, quen sabe? Igual co tempo continuamos na túa vila. Por ganas e ilusión non vai quedar.

Na tenda OZOCOgz deseño galego poderás atopar, ademais e por suposto das nosas creacións, instrumentos tradicionais, arte, artesanía, bixutaría, zocos e música independente galega entre outras cousas, coas que nos une o interese por traballar en "clave" Galiza.

A tenda está na rúa Curros Enríquez número 29, nunha das zonas peonís da vila.

Agardámoste!


8ª edición do concurso de micro-relatos OZOCOgz

Máis un ano poñemos en circulación o noso concurso literario. Podedes ir pensando nun bo relato, desta volta sobre a infancia e, dende o 10 de febreiro até o 30 de abril mandalo.
A temática titulámola INFANCIA. O xurado deste ano está formado pola escritora Berta Dávila, os escritores Celso Sanmartín e Adolfo Caamaño, a (tamén escritora, obviamente) Concha López, e as librarías Cartabón, Escolma, Miranda e Pedreira.
A participación, como todos os anos é a través de facebook.
Este é o evento creado para o concurso: 8 concurso micro-relatos OZOCOgz

BASES 8º concurso micro-relatos OZOCOgz 1. Os micro-relatos deberán estar escritos en lingua galega, podendo empregarse calquera das normativas. Deben ser orixinais, inéditos e non premiados nin presentados en ningún outro concurso ou certame literario. Os autores/as serán responsábeis tanto da autenticidade dos textos como dos seus propios datos. 2. A temática leva como título xenérico INFANCIA. A infancia, a nenez, ese período de tempo que f…