Comeza a primavera e xa vai vindo o tempo de patear cos zocos País adiante.
O vindeiro 15 de maio, temos previsto estar todo o día no Mercado que co gaio da Festa do Salmón se vai celebrar nesta fermosa vila da Estrada.
Para irvos facendo boca, e mentres non estea o programa de actividades oficial, transcribimos aquí unha pequena historia desta festa que vai xa pola súa XLIII edición.
A información tomámola literalmente da web da Festa do Salmón.
43 ANOS
A Estrada celebra neste ano 2016 a cuadraxésimo terceira edición da Festa do Salmón, cita gastronómica que foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 2013.
A
tradición salmoneira no municipio estradense remóntase aos anos da
posguerra, época na que os coutos locais de pesca de salmón (naquel
entón Couso, Sinde e Ximonde) eran un fervedoiro de afeccionados na
percura do denominado “rei do río”. Naqueles anos, a riqueza do río Ulla
era tal que centos de salmóns saían cada ano con destino a todos os
puntos da xeografía galega e tamén do resto de España. Nembargantes, a
meirande parte das capturas remataban nas cociñas estradenses, que se
acostumaron a preparalo de múltiples formas, facéndose acreedoras dunha
merecida reputación.
Foi xa na década dos anos 70 cando o recentemente creado Centro de Iniciativas e Turismo (CIT)
decidiu incorporar á Estrada ao entón reducido circuito de festas
gastronómicas de Galicia. Con tal fin conformábase a primeira
comisión organizadora da Festa do Salmón, que estaba integrada polo presidente do Recreo Cultural, Enrique Cerviño; o presidente da Sociedade de Caza e Pesca Río Ulla, Ángel Fernández-Novoa; o presidente do Club Deportivo Estradense, Alfonso Varela; un representante do CIT, Ramiro Abelleira; e un representante da Corporación Municipal, Manuel Taboada. Tras meses de traballo e preparación, o 2 de xuño de 1974 celebrábase a primeira edición da Festa do Salmón da Estrada.
Dende os
seus comezos, as celebracións incorporaron diferentes actos que
permaneceron practicamente invariables co paso do tempo, como son a
lectura do pregón, o deseño e promoción a través dun cartel anunciador, a
celebración do Concurso Internacional de Pesca ou as exposicións
filatélicas.
Ademais,
ao longo das catro décadas de historia da festa fóronse incorporando
diferentes actividades co obxectivo de realzar a súa repercusión en toda
Galicia e de abranguer ámbitos de interese social, cultural, infantil
ou deportivo: concursos de receitas inéditas, festivais folclóricos,
verbenas e concertos, espectáculos de maxia, certames de escaparatismo e
fotografía, elaboración de guías turísticas, actos de recoñecemento ao
labor de impulso da festa coa entrega de Salmoeiras de Prata, Certames
de Gaiteiros Solistas, concentracións de automóbiles antigos, Galas de
Gastronomía, Diversalmón, feiras de antigüidades, torneos de xadrez ou
rotas en bicicleta de montaña, entre outras moitas.
Corenta anos despois da celebración da primeira edición do certame, a Festa do Salmón veu recoñecido o seu prestixio en 2013 coa declaración, por parte da Xunta de Galicia, como Festa de Galicia de Interese Turístico.
Comentarios
Publicar un comentario