Título: Concha, Luís e Jaime
Ano: 1952
Lugar: A Hedreira, Concello de Avión,Ourense
Viaxes
Luís era electricista. De novo, gabeaba coma ninguén polos postes de madeira dos tendidos eléctricos da Serra do Suído, con aqueles ferros dentados atados aos nocellos, que máis ben semellaban a boca dun crocodilo, e coa única seguranza dun cinto de coiro que o suxeitaba ao pau. Un día coñeceu a Concha, quen desde moi nena traballou arreo para axudar na casa, pois era a máis vella de tres irmáns e irmás e, tal vez, a súa única diversión era “escapar” os domingos para pasear co seu noivo.
Concha e Luis casaron en abril do 1952 e a súa lúa de mel foi ben curta: unha viaxe a Ribadavia. Logo, no verán dese mesmo ano, Jaime, un amigo, invitounos á súa casa, na Hedreira (concello de Avión) e alá marcharon.
Pode que hoxendía nos pareza unha viaxe sinxela de
realizar, pero daquela, cando aínda as estradas eran camiños de carro, non existían teléfonos móbiles e quen tiña unha pequena moto, tiña un grande tesouro, ir desde Refoxo (Partovia, O Carballiño) ata o alto da Serra do Suído, tiña que ser unha viaxe ben dura. Non obstante, a satisfación que proporciona compatir amor e amizade, compensa sempre calquera esforzo. Os rostros de Concha, Luís e Jaime así o amosan.
Fotografía número 7
Título: Pura C., Eduardo e Pepiño.
Ano: 1935 ou 1936
Lugar: Ribadavia
A foto foi feita en Ribadavia no estudio Foto Chao, os cativos son miña
nai Pura C. e os seus irmans Pepiño e Eduardo Rguez. Gallego. Penso que
a foto fíxose no ano 35 ou 36. Mandei esta porque sempre me gustou
moito.
Fotografía número 8
Título: Dende pequerrecha
Ano: 1964
Propiedade: Diony Leningrad
Lugar: Barcelona
En Barcelona cos meus pais... unha xa era gordiña dende pequerrecha ja ja ja ja ja ja ja
Fotografía número 9
Título: Durmindo despois de comer
Ano: Ca. 1968
Lugar: Cee
Era a cama dos meus pais, non teño nin idea quen me sacou a foto, meu
pai non tiña cámara, me supoño que foi meu tio que estaba en Venezuela,
que cando viña non paraba de facelas, esas pernas que se ven teñen que
ser da miña irmá, bueno e como vedes eu estaba como Dios durmindo, me
supoño despois dun bo cocido como facía miña nai.
Fotografía número 10

Título: Primeira comunión
Ano: 1961
Lugar: Partovia (O Carballiño)
Quizais un dos feitos máis ledizosos nunha famila fose a primeira
comunión dunha crianza, sobre todo se era a primoxénita. E se a madriña
da crianza era a súa tía – avoa, pois como que á tal madriña se lle
enchía o peito de orgullo porque, ademais da crianza, da nai e do pai,
ela era a protagonista.
Miña tía – avoa Luscinda para min era un
mito e sígueo sendo: alta e forte, boa moza, sempre disposta a axudar á
veciñanza, facía unhas filloas de sangue pola matanza que rezumaban
xarope. Era unha mestra regando o millo, vixiando os regos e as atolas,
nas que a auga tiña que parar, para que o pé da pranta quedase saciado
naquelas tardes do verán... E carrexando os feixes da herba á cabeza,
sen que nin unha muxica se movese máis ca outra!
Xosé Luis, meu
irmán máis vello, miúdo e tímido, pero cun xenio vivo e un inxenio sen
límites, retranqueiro e simpático, desconfiado e xeneroso, era daquela o
segundo home da casa. Ou o terceiro, pois o avó Antonio era a primeira
institución. (A avoa Benita era a raíña…).
Nesta foto, vestido de
mariñeiro, meu irmán sentíase seguro a carón da tía Luscinda... Coma
min. E contento por ser o centro de todas as miradas.
Nin ela nin el
están xa aquí, pero hai moitas cousas que hoxe sei porque el e ela mas
ensinaron. Quizais a mellor herdanza que se nos pode deixar sexa a
disposición a axudar a quen nos rodea. A min deixáronma. Mágoa que ás
veces non lle faga moito caso!
Fotografía número 11

Título: A pila de leña
Ano: 1956
Lugar: Refoxo-Partovia-O Carballiño
Hai cousas difíciles de describir. Unha delas é o sorriso que nos produce a felicidade. Outra é a ledicia da complicidade…
Rescatei isto dunha caixa de madeira que miña nai garda con moito
agarimo, pois nela está gardada unha parte da súa historia e outra parte
da miña. Aínda que, cando se fixo esta foto, eu tan sequera estaba en
proxecto, pois o neno da foto é o meu irmán máis vello. O mozo é meu
pai.
Daquela, fronte a casa do avó Antonio e da avoa Benita sempre
había unha pila de leña para o forno onde se cocía o pan para toda a
parroquia de Partovia e para parte doutras parroquias. O mundo daquela
era moi grande... Xusto ao lado da leña había unha cerdeira que daba
unhas cereixas moi saborosas e grandes. Lembro que de ben pequena, no
inicio do verán, gabeaba pola pila para sentarme no máis alto e comer
cereixas collidas directamente da árbore. E un día, esvarou un casqueiro
e alá marchei ao chan, xunto coa leña! Pero volvín gabear ao día
seguinte. E á semana seguinte. E ao ano seguinte… E mentres estivo alí
aquela pila de leña…
Agora xa non hai nin leña, nin cerdeira… Nin
pai, nin irmán. Fóronse. Pero alguén deixou testemuño daqueles momentos
de ledicia que se podían vivir ao subir ao máis alto daquela pila de
casqueiros.
Fotografía número 12

Título: Familia ou clan?
Ano: 1969
Lugar: O Torrón - O Carballiño
Xosé Luís e Elixio eran dúas persoas doces e agarimosas, cun corazón
grandísimo e a quen a vida acabou por darlles máis desgustos ca
ledicias, o que tal vez os levou a unha morte prematura.
Ana María
tiña determinación e, moi nova, marchou estudar a Ourense, sen máis
compaña ca a súa maleta, os seus lentes e un fondo sentimento de medo a
perderse entre a xente da capital, pero soubo sacarlle á vida a forza
necesaria para sobrevivir sen perder o sorriso.
Concha era unha nena
tímida, mimosa e conquistadora pero que, pola calada facía as trasnadas
máis inverosímiles, coma botarlle deterxente ás plantas para que
medrasen ou sentar no peitoril dunha fiestra da planta alta da casa, cos
pés colgando para fóra.
Cándido era o cómplice perfecto para as
trasnadas de Concha, aínda que as máis das veces andasen a cotenadas.
Hoxe en día conservan aquel toque de complicidade para ir levando o día a
día.
Ricardo era un neno inconformista e rebelde, pero cunha dozura
e unha retranca desas que dan que pensar e fan rir a gargalladas.
Antonio buscou o camiño da entrega desinteresada cara as minorías máis
desfavorecidas de África e vagou por Zambia, aprendendo a vivir e
vivindo dunha maneira sinxela, pero moi enriquecedora. Hoxe anda entre
Madrid e o resto do mundo, coa maleta ás costas.
Lourdes pérdese
polos recantos da nosa nenez, enchendo co seu longo pelo louro e co seu
recendo a airexa das mañás e das tardiñas dos sábados e dos domingos.
Eramos felices. Máis ca familia, formabamos un clan, no que as crianzas
máis vellas coidaban das máis novas, aínda que as máis das veces
andasemos a liortas. Seguimos sendo felices. Supoño. Aínda que Elixio e
Xosé Luís xa non estean…
Fotografías números 13 e 14


Título: O maior tesouro: a memoria (1 e 2)
Ano: anos 20 do século pasado
lugar: Ogas (Vimianzo)
Sempre me gustou fedellar por todas partes cando ía a aldea...fedellaba
nos arcóns, fedellaba nos caixóns, fedellaba nos sobrados, fedellaba
nos cabanotes...
Un día calquer de tantos remexendo nun caixón cheo
de papeis sen aparente importancia atopeime cons estas dúas fotos que
estaban desaparecendo materialmente...
Corrín a fume de carozo a
xunta os meus avós e pedinlles que mas deixara que se estaban perdendo,
que se estaban desfacendo que era unha mágoa, que había que
recuperalas...
A primeira foto (esta) é do meu avó de cativo coa súa
nai e a súa avoa, e dicer, a miña bisavoa e a miña tataravoa, nen dicer
teño que nunca as coñecín mais que por esta foto...
A segunda é meu pai, estaba desfacéndose pola cara, é unha foto de cando ía ao seminario...
Sempre me gustou fedellar polos currunchos das casas dos meus avós na procura de tesouros...
velaí o mellor tesouro:
A memoria.

Título: Para non perder a memoria
Ano: 1963
Lugar: Refoxo - Partovia - O Carballiño
Era moi alto. Ou a min parecíamo. Non era precisamente guapo. Nin
fraco. Tiña o pelo escuro, crecho e espeso e un bigote moi negro. A súa
fronte era ampla e despexada e por enriba das orellas asomaban
timidamente os sinais brancos que vai deixando a madurez. Os seus ollos
eran pequenos, escuros e profundos, uns ollos deses que semellan mirar
sempre máis alá do que a realidade amosa. Tiña as mans gordechas, con
dedos curtos e algo torpes.
Cada día chegaba ao meu refuxio, montado
nunha flamante "Vespa" que deixaba arrimada á parede da casa do avó
Antonio e, logo de xirar unha enorme chave na pechadura daquela pesada
porta de madeira, dispoñía todo o necesario para que as imaxes roubadas á
vida quedasen para sempre impresas no papel da memoria.
Aquel
cuarto era un sitio tosco, cos muros de pedra e no que había dispostas
varias pilas con líquidos que semellaban á auga. Non tiña adornos e
estaba sito no baixo da casa da señora Vicenta, xusto debaixo da cociña,
fronte á casa da avoa Benita.. Era un lugar frío e escuro, sempre coa
porta aberta e cheo de cousas que non lembro para que servían. Aquela
porta só se pechaba ás veces e, neses momentos, ninguén podía entrar.
Soamente el. A min comíame a curiosidade por saber que facía o señor
Ramón alí dentro pechado, so e frío, pero nunca puiden sabelo...
Ao
pé da casa había un rego polo que corría a auga da poza do Freixo. El
colocara nel unha tella redonda e moitas veces lavaba alí cousas e poñía
unhas cuncas nas que recollía auga que logo levaba para aquel estraño
cuarto.
Di a mamá que eu sempre fun unha nena moi curiosa e
amigable, así que o señor Ramón tíñame por alí fedellando a diario e,
como me deixaba, facíame fotos, supoño que para practicar. Conservo
algunhas daqueles primeiros anos 60, dos que non lembro se sabía falar
ou non. Nunca ninguén me dixo que eu fose de moitas palabras. Pero tanto
ten.
O señor Ramón deixoume unha boa herdanza: imaxes da miña nenez impresas en papel. Para non perder a memoria…
Fotografía número 16
Título: Poñédevos guapos, que ven o fotógrafo.
Ano: 1930
Lugar: Listanco, Maside (Ourense)
Esta é a miña avoa con 5 anos, a súa nai e os seus catro irmáns. O
único que está aínda con nós é o tío Jesús. Daquela as fotos non se
facían con moita frecuencia, por iso a xente poñía as súas mellores
roupas. Mirade que guapos estaban todos!!!
Fotografía número 17
Título: Tarde de festa.
Ano: 1963
Lugar: Sampaio, Lugo
As festas de antes non che eran coma as de agora. Os mozos poñían os
traxes e peiteábanse ben. Algún ata botaba colonia... Velaí o meu pai...
que guapo que era!!! Seguro que ese día ligou con algunha moza!!!
Fotografía número 18
Título: A nai que me pariu
Ano: 1973
Lugar: Punxín, Ourense
Esta é a miña nai na casa do pobo, casa na que ela creceu e na que eu
pasei moitos veráns da miña nenez. Non hai moitas casas pero para min,
cando era pequena, era coma un universo de grande!! Sempre había algún
cadeliño na casa como o que sae na foto. Cantas veces caín por esas
escaleiras mentres andaba a xogar!! A miña nai, muller moderna, levaba
pantalóns, agora é mais de saia, pero os pantalóns ségueos levando,
metaforicamente falando...
Fotografía número 19
Título: El Progreso
Ano: 1970
Lugar: Vilarmide, Lugo
O meu primo, xa era guapo de neno. Aí o tedes, enriba dun periódico e
sen dicir nin pío. Penso que estaba lendo as noticias e como o
molestaron para sacarlle a foto ata sacou o chupete da indignación!! Non
me digades que non estaba ben abrigadiño con ese traxiño.
Fotografía número 20
Título: Sr. Ramón Borrajo.
Ano: 1964
Lugar: Refoxo - Partovia - O Carballiño
Tiña a penas 3 anos cando descubríu que súa irmá máis vella xa ía á
escola e que, para elo, lle mercaran unha nova carteira e un paraugas.
Eses obxectos parecéronlle os máis fermosos do mundo e, nun descoido de
súa irmá, colleunos e con decisión, baixou as escaleiras da súa casa,
informando a quen se cruzaba no seu camiño: “Eu tamén vou á escola”.
Na súa inxenuidade, desexou ser grande, ter un espazo no mundo das
persoas maiores, pero non calculou ben as consecuencias de tan ousado
feito. Súa irmá nunca lle perdoaría que ela se fotografase cos seus máis
prezados tesouros: a carteira e, sobre todo, o paraugas.
Pasaron os anos e a Nena do Paraugas xa é maior. Aínda vai á escola e
está convencida de que, o día que perdamos a infancia, perderemos a
mirada limpa, ousada e sincera coa que, cando eramos crianzas,
contemplabamos o mundo.
Fotografía número 21
ANDRÉS DO VIGO
Terras de Soneira
Anos 50 ou 60
A primeira achega para a colección após o concurso. Aínda que o
propietario non dixo nada titulámola nós con ese nome porque era seu pai
e, se mal non me trabuco, hoxe é un día especial para el.
Fotografía número 22
A VODA
Vilela (Punxín) Comezos dos 50.
Propiedade: Eladino Cabanelas.
Adro da Igrexa parroquial de Vilela. Os de adiante, os noivos, Laura e Benigno (meus pais) corenta anos despois naceu en Ourense un servidor. Case me custa escribir sobre a foto sabendo que os ciclos da vida xa non permiten que esteamos xuntos. Por vós!!
Fotografías número 23, 24, 25 e 26
Fotos antigas de Cee
Fotografía número 27
Título: Retrato de voda.
Lugar: Podería dicir Vilela (Punxín) mais mentiría porque estes
retratos realmente eran debuxados. Os protagonistas son meus pais que
por desgraza xa non están con nós, e o que se facía era levarlle unhas
fotos individuais que logo o fotógrafo-retratista se encargaba de
debuxar e unir. O meu pai sempre facía chanza deste retrato porque dicía
que cando casou xa estaba calvo e, nembargante, aquí lucía un pelazo
marabilloso.
Calculo que o ano debe ser o 52 máis ou menos (do século pasado, claro ;) )
Fotografía número 28
NÃO QUERO UMA BONECA
Eu não queria uma boneca.
E aprender a ser mamá.
Nem a escola de freiras
e os pecados mortais.
Eu não queria a carga
no corpo de nena
nem os vestidos
nem o lugar onde esconder-me
sem respirar.
Eu só queria o meu cole de bairro
e meter os pés nos charcos
e olhar para a frente.
E desejar muito e sem medo.
E colocar uma bomba no cu do patrão
e liberar o povo
dos malvados vampiros.
E que a merda estoupasse.
Eu queria o de ontem.
Exactamente isso,
estar exactamente nesse lugar,
Com o meu cão
baixo a chuva,
tranquila e molhada
Dois malucos por fim á intempérie.
E saber com certeza que estou de pé.
Que as freiras, os vestidos, as bonecas
e os medos e os pecados mortais
não valeram de nada.
Porque afinal já esquecí tudo,
Tudo menos o que não quero.
Isso eu sei muito bem.
E não não não não.
Não vou fazer.
Nota: não faço a mínima ideia de que boneca era essa da foto. Se calhar
nem era minha. Se calhar, só ma colocaram para a ocasião.
Fotografía número 29
Aboa
Abundancia.
Supoño que a foto sería tirada en Ourense ou no Carballiño
posto que Punxín era, e é, unha parroquia rural. Non cheguei a coñecela,
nin a ela nin ao avó Adolfo. A foto tendo en conta que meu pai nacera
no ano 1922 ten que ser de comezos do século XX ou finais do
XIX.Encántame o vestido que leva.
Fotografía número 30

Título: CON FLORES A MARÍA
Ano: 1968
Lugar: Partovia (O Carballiño)
Era costume daquela, cando a relixión era unha parte moi importante do
acontecer diario das persoas, que as nenas, chegado o mes de maio,
dedicasen todos os seus esforzos a aprender o catecismo, para facer a
Primeira Comunión, e a recitar de memoria versos e poemas de loanza á
Virxe, para logo, ao final do mes, vestir de branco inmaculado, con fita
tamén branca, diadema ou coroa recollendo o cabelo (e mesmo con
postizas ás de anxa) e subir a unha tarima ou escenario ao aire libre
para declamar.
Conta a miña nai que desde ben pequena, cando apenas
sabía falar, soñaba co tal evento e, tal era a miña teima, que mesmo
aprendín aquilo (en castelán, por suposto) de “A tus pantas decosito un
lamo de magalitas”. Supoño que se teño que facelo agora... en fin.
O
caso é que o labor de ensaio era tarefa da mestra do meu pobo, dona
Consuelo, de quen gardo a máis agarimosa das lembranzas, de quen acabei
copiando a maneira de ensinar algunhas cousas e quen me ensinou a terlle
cariño ao meu traballo. Sexa este o meu agradecemento pola súa
contribución na miña formación como persoa e como docente, bastante
lonxe hoxe en día, daqueles versos inmaculados.
Fotografía número 31
Fotografía aérea da Ría de Cee - Corcubión (ano descoñecido)
Fotografía número 32
Domingo de Ramos en Brens (Cee) 1970
Fotografía número 33
O Carballiño.
Finais dos 70, época na que os veraneantes viñan aos lugares onde os
seus avós e avoas naceran e aínda gardaban respecto polas tradicións d@s
antepasados e, a pesar de ser segundas xeracións no extranxeiro, este
caso Cataluña, seguían sentíndose orgullos@s de ser galeg@s e lucían con
orgullo a súa cultura!
Fotografía número 34
Lugar e data: SAN FIZ DO VARÓN (O CARBALLIÑO)
Finais dos 70 (s. XX)
A imaxe de hoxe lévanos as Festas de S. Fiz do Varón, alá polos finais
dos 70 principios dos 80, onde as festas eran para bailar, estroulear
cativ@s e grandes, xuntarse tod@s nunhas boas pararotas e acabar
cantando e tocando no palco, un palco artesanal feito cento por cento
polos veciñ@s ! Un exemplo de que xunt@s facemos máis forza!
Fotografía número 35
Lugar e data: SAN FIZ DO VARÓN (O CARBALLIÑO)
Finais dos 70 (s. XX)
Aí vai outra da mesma tanda...era a época na que en todos os pobos
aparecia un mozo rebelde "rocanroleiro" que se facía o amo da pista!
Fotografías números 36 e 37
Lugar e data: O CARBALLIÑO
Finais dos 70 (s. XX)
Finais dos 70, pasando os veráns, coma todos os anos na aldea
materna.Todos os anos o pobo medraba e enchíase d@s net@s que viñan a
estar c@s avós/avoas. Outr@s dende a outra punta da península trouxeron
ese ano a gran novidade: a piscina. Acabouse o de ir ao lavadeiro do río
a se bañar nesa auga que cortaba a respiración. Foi un espectáculo para
tod@s poder disfrutar desta "piscina" en toda regla. Que felices eramos
e con que forza revivía a aldea no verán. Época de xuntanzas,amizades
de infancia e xogos que xamais esquecerei!
Cando
despois do baño na famosa piscina os nosos estómagos ruxían e, coma bos
irmáns improvisaban os maiores unha mesa para os/ s nenos/as..e algún
máis de última hora, como a nosa Kikía, e seguiamos a disfrutar do día,
da tarde e da noite...rebulía a aldea ata que rendid@s non quedaba máis
que ir durmir ata o día seguinte...
Fotografía número 38
Lugar e data: O CARBALLIÑO
Anos 50 (s. XX)
As mozas do rural vestidas para ir a algunha verbena...a pé e en grupo! A primeira da esquerda a miña nai ...
Fotografía número 39

Título: A Aguillada
Cando?: Arredor dos anos 50
Onde?: Parroquia de Sindrán - Monforte de Lemos
A AGUILLADA
A historia que vou contar ten que ver co rapaz de branco da foto e a
muller de negro, súa nai, que aínda que semella unha vella, non ten mais
de corenta anos nese intre, e o mozo menos de vinte. O home morrera na
guerra civil e nunca coñeceu seu fillo, o cal nunca casou e viviu sempre
xunto a nai. Morreu pouco despois dela.
Home forte onde os haxa,
cando eu nacín el xa tiña case trinta anos. Lembro como movía el so o
carro das vacas, metíalle a chavella no cabezallo e logo encaixaba o
ombreiro debaixo, no ángulo recto que se formaba.
-Veña, nenos. -Dicía. -Vos puxade nas rodas.
Pero nos eramos uns cativos langarillas que estorbabamos mais que
facíamos. El so, rousaba o carro e metíao na corte, no pendello ou na
eira, puxando cara tras.
A devandita historia pasou uns anos despois
da foto. Tiñan un pequeno horto pechado por paredes de pedra cheo de
verdura que había que arar, pero a xogada das vacas, sempre tiñan unha
parella de rubia pais XXL, (eu sempre lembro aqueles inmensos cornos),
era moi grande pra virar dentro da horta e podía esnaquizar tódalas
verduras, así que tiveron a ocurrencia de coller unha becerra nova que
estaban a amansar e xunguila no xugo facendo parella co rapaz, xa home
refeito. Parece ser que a idea foi de el, aínda que a nai non estaba moi
convencida.
Había costume de usar unha vara cun cravo de ferro na punta pra guialas xogadas. Chámase “Aguillada”.
Meu dito meu feito.
El turraba xunto coa xata metendo o pescozo na torga e a nai guiaba o
arado agarrando cunha man a rabela e coa outra a aguillada, pero en
canto enterraba un pouco, aquilo non ía. Non se sabía quen podía menos,
se a becerra ou o home. A vella picaba na vaca e dicíalle a el.
-¡Turra, filliño, turra!
Foi nunha desas, mentres o pobre animal (a becerra) tentaba esquivar, sen poder, os aguilloazos da muller e ela berraba.
-¡Turra, filliño, turra!
Cando el, no límite das súas forzas, dixo.
-¡Pícame! ¡Mamá! ¡Pícame!
A min o conto contáronmo, non estiven alí, era moi pequeno cando
aconteceu, pero ninguén me aclarou se o horto quedou arado ou non.
Nin se chegou a darlle coa aguillada ao seu fillo.
Fotografías números 40, 41, 42, 43 e 44
FOTOS DE FAMILIA NUMEROSA (anos 60)
A primeira foto corresponde a meus país coa burra e os dous fillos
maiores voltando dunha festa, un detalle curioso é que el é o que está
na burra e a muller vai a pe.
A segunda é na que aparecen catro fillos con meus país, os tres maiores e a primeira nena.
Na terceira aparecen cinco, xa nacera a segunda nena.
A cuarta foto é a mais curiosa, xa non van todos ó fotografo e fan unha foto montaxe co meu irmán, que facía o sexto.
Catro anos despois nacecría eu, que xa nunca figurei en ningunha foto
de familia numerosa e só aparezo nesa de estudio, sacada en "Arcadio" de
Monforte, son o "rubito" que está riba da mesa.
Fotografía número 45
A foto non precisa de máis explicacións. Non credes?
Fotografía número 46
Anos 50.
Elvira Viñas (nai da dona da foto) e Joaquina Diz coidando os nenos da familia Vàzquez Cuervo.
En Sta Cristina de Lavadores. Vigo.
Fotografía número 47
1965
Son os meus avós voltando de París para Compostela, vese que de camiño
tiveron que facer unha paradiña, jajajaja. Espero que vos guste.
Continuará...