Máis un ano e convidados pola marabillosa xente que organiza, ano tras ano, a Romaxe dos Crentes galegos, OZOCOgz acudirá a esta cita especial.
Como todos os anos, os lugares escollidos xunguen o espírito relixioso do evento cos vellos cultos de exaltación precristiáns.
Desta volta imos estar no Monte Seixo, no Concello de Cerdedo (Pontevedra), "nesta telúrica paraxe, tan humana e
socialmente representativa da loita pola sobre-vivencia e a súa
conservación!", segundo verbas de Xabi Blanco, un dos principais argallantes desta festa - romaxe.
Para quen queirades acudir, deixámosvos aquí as coordenadas para o GPS (en Googlemaps): 42.4731 -8.3831.
Máis información sobre o acto aquí:
Romeiros do Alén.
Para rematar fica aquí un artigo de Carlos Reigosa sobre este lugar máxico:
O Monte do Seixo, porta do Alén
CALROS SOLLA, xunto cos compoñentes
da Asociación Cultural e Ecoloxista “Verbo Xido” e do Grupo de Estudos
Etnográficos “Serpe Bichoca”, descubríronme a min e ao mundo os 24
quilómetros cadrados do Monte do Seixo aló polo ano 2005 coa publicación
do “Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo”. Logo
chegaron títulos como “Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña
Máxica”, “Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas”; e un
documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica” xunto coa organización de
roteiros, conferencias e marchas, coa edición de artigos, vídeos, blogs,
folletos e outras mil iniciativas coas tentan que o Seixo se reinvente
nunha xeografía cangada, como sempre foi, de humanas emocións.
O Monte do Seixo, incluido na Rede Natura, anda a cabalo da Serra do
Cando entre os concellos de Cerdedo, Cotobade, Forcarei, A Lama e
Beariz. Nel danse cita o pasado histórico, relixioso e lendario, pois
localizáronse varios xacementos arqueolóxicos e trinta estacións míticas
asociadas a vellos cultos e ritos. No presente, a natureza revélasenos
mancada pero aínda espléndida, sorprendente nalgunhas formación rochosas
insospeitadas; o futuro, pola contra, a pesar de toda esa bagaxe de
séculos, amósase escuro de non se pór remedio á toma polas bravas do
monte por un parque eólico degradante.
 |
fotografía da Portalén © Carlos G. Fernández |
O Seixo é obra humana, pois invención humana son os nomes dos lugares
que o habitan, das construccións, dos camiños e carreiros, das fontes e
regatos, pozas e lagoas, dos animais, das plantas e das pedras; obra
humana son as mámoas, os castros, capelas, muíños, foxos, neveiras…, e
humanas son, aínda que non o parezan, as fantasías que o convirten nun
monte singular, máxico, único, extraordinario. O Seixo, coma o Pindo, o
Aloia, o Pico Sagro ou o Medulio, imaxinaria xeografía, son os portos,
as atalaias, que os galegos temos máis preto do Alén.
Deixámonos guiar pola memoria de Isolina das Raposeiras, avoa de Calros
Solla, e percorremos o Seixo emocionados, desde calquera das aldeas nas
que asenta (Carballás, Barro, Meilide, Abelaíndo, A Cavadosa,
Cimadevila, Bouzas, Fraguas, Gavián, A Barcia, Ricovanca, Hadrián,
Ratel, Regotraveso, Cernadelo, Fontegrande, A Devesa de Baixo, Afonsín,
Barro, Guisande e Presqueiras) ata coroar o Outeiro do Coto, a Cruz do
Seixo ou o Castro Grande. Case sen pretendelo, coñeceremos Chan de Mamas
e o que queda dos seus túmulos, o Marco do Vento, o Almadraque da
Pirocha, o Outeiro da Cama, a Laxe do Mosqueiro, Fontefría, a Casa da
Neve, Cavaladrós, Penadrosa, Campo do Boi, Santa Mariña, as Laghoas de
Xestido coa vila de Trentinán asolagada, a Fonte de Sanabarrighas, o
nome xa o di todo, e outros moitos lugares nos que aínda habitan
pantasmas, monstros e outros seres, estacións polas que xa transitara
hai arredor de 240 anos o ilustre Frei Martín Sarmiento.
 |
fotografía da Portalén © Carlos G. Fernández |
Non queremos despedirnos do Seixo sen conducirvos ata o lugar que nos
achega á lumieira do Máis Alá, alí onde uns “petoutos furados, rachados,
regañados, gretados, fendidos, lañados…”, coñecidos co revelador nome
de Portalén, nos ofrecen a posibilidade de conversar cos que xa
transpasaron os lindeiros deste mundo.
Quen desexe falar cos do Outro Mundo ten que ir no mes de Santos a
Portalén, e debe levar canda si algún presente para comer e beber, pan e
viño preferentemente, e tamén unha candea coa que alumar o momento.
Logo xa pode preguntar o que desexe e as resposatras víranlle,
cumpridas, dacabalo do vento.
Mais, ai daquel que revele o alí falado! Tomaráselle a voz e será por sempre vítima dun misterioso rouquexo.
__________©Antonio Reigosa, Xornal de Galicia, páx- 48, 15-VIII-2010.