TI NON ES DE AQUÍ? - Un xogo de mesa cultural - educativo, a nova aposta de OZOCOgz papelaría



TI NON ES DE AQUÍ? é un xogo de mesa en formato tradicional de taboleiro, tarxetas con preguntas e fichas, no que se pretende poñer a proba os coñecementos que os participantes teñen sobre Galicia, contestando preguntas sobre aspectos diferentes do país, divididas en 5 bloques ou áreas temáticas:

  1. lingua, literatura, biografías, premios literarios, Días das Letras, toponimia...
  2. prehistoria, os suevos, Prisciliano, idade media, irmandiños, política...
  3. monumentos, patrimonio, pintura, escultura, arquitectura, museos, etnografía...
  4.  música, cinema, televisión, televisión, radio, premios, deporte, festivais...
  5. xeografía, festas, pesca, agricultura, industria, gastronomía, fauna, flora...


OBXECTIVO DO XOGO

Rematar en primeiro lugar o percorrido do taboleiro, un percorrido polo mapa galego,  respondendo atinadamente o maior número de cuestións.

DESTINATARIOS/AS DO XOGO

TI NON ES DE AQUÍ? Está deseñado como xogo de sociedade para persoas cuns coñecementos culturais medios sobre Galicia. Poderán xogar nenos e nenas a partires dos 12 anos de idade aínda que o ideal sexa o alumnado dende o Ensino Secundario Obrigatorio en diante.


PREPARACIÓN DO XOGO

Despregar o taboleiro sobre unha mesa ou superficie chan. Cada participante collerá un dos peóns que colocará a carón da casiña de saída. Barállanse as tarxetas-pregunta e colócanse nunha das caixiñas interiores de forma que só se vexa a traseira das mesmas. Sortéase a orde de saída e comeza a xogar o/a primeiro/a participante segundo as regras que veñen deseguido.


AS TARXETAS-PREGUNTA

Están divididas en 5 bloques temáticos (175 tarxetas por tema), identificábeis pola cor e o debuxo do reverso. No anverso da tarxeta aparece un encabezado ou título e catro opcións. Debemos atinar cal das catro opcións non ten a ver co encabezamento da pregunta. Exemplo: Collemos unha tarxeta de LINGUA - LITERATURA. No título lemos SINÓNIMOS, seguido das 4 opcións HÓRREO, CABACEIRO, POMBAL, CANASTRO. Como se pode comprobar POMBAL non é unha palabra sinónima das outras 3, este é o dato que debemos atinar para continuarmos xogando.



O TABOLEIRO

O taboleiro do xogo está dividido en 76 casiñas, entre as que se indica con frechas a dirección a seguir polos/as participantes, dende a casiña de SAÍDA até a CHEGADA (o “G” do centro do taboleiro). Hai 7 casiñas marcadas co número 3, e 8 casiñas co número 2, así como 4 casiñas co nome da cada unha das cidades capital de provincia. O resto de casiñas fan referencia ás diferentes temáticas identificadas pola súa cor e o debuxo correspondente.

FINAL DO XOGO

O/A xogador/a que chegue en primeiro lugar á casiña de chegada (O “G” central) será o/a gañador/a da partida.

http://ozocogz-atenda.com/index.php?id_product=161&controller=product


Entrega de premios concurso micro-relatos 2018


Xa está todo preparado para entregarmos os premios ás gañadoras da 6ª edición do noso concurso literario.
Contar coa túa compaña ese día sería o maior premio para quen organizamos este concurso no que a cambio de micro-relatos ofertamos macro-amizades. Contamos contigo!
Apertas ozoqueiras!!!!!

En OZOCOgz actualizamos a nosa política de privacidade

Como ben saberedes polo bombardeo de informacións deste tipo nas webs, correos electrónicos e outros moitos medios, o vindeiro 25 de maio entra en vigor o novo Regulamento xeral de protección de datos (RGPD). É unha normativa europea que moderniza o tratamento dos datos persoais por parte das empresas. O obxectivo é que como usuario ou usuaria da Internet teñas maior control sobre o tratamento dos teus datos.

Esta é a información básica sobre a nova política de protección de datos:

  • O responsábel do tratamento dos datos que facilitas ao subscribirte ou mercar algo na nosa tenda, é OZOCOgz deseño galego*
  • A finalidade do tratamento dos teus datos é a de poder remitir comunicacións da nosa marca, salvo que nos manifestes o contrario expresamente.
  • Os teus datos non se cederán a terceiros, salvo obriga legal ou xestión de pagamentos e cobros.
  • Podes exercer o teu dereito de acceso, rectificación e supresión, así como outros dereitos que se explican na política de privacidade, póndote en contacto por medio do correo ozocogz@gmail.com 


Podes atopar toda a información completa na nosa política de privacidade actualizada.

Se tes algunha dúbida sobre os teus datos persoais ou se precisas saber como acceder ou eliminar os datos almacenados, por favor contacta con:ozocogz@gmail.com

(* Eladino Cabanelas Fernández)

Micro-relatos gañadores da 6ª edición do Concurso de micro-relato OZOCOgz


Día das Letras Galegas 2018

Xa temos relatos gañador e finalista no VI Concurso de micro-relatos OZOCOgz.

Unha vez lidos, entregada a puntuación e feita a media correspondente da totalidade dos micro-relatos presentados a concurso polos/as membros do xurado  e actuando como fedatario Eladino Cabanelas, en representación de OZOCOgz, resultaron gañador e finalista os seguintes relatos:
1º premio e gañador dunha camisola OZOCOgz e un vale por un xantar ou cea degustación, con produtos ecolóxicos da zona, para dúas persoas, na Taberna cultural A Arca da Noe, en Vilar de Santos - A Limia (Ourense), para o micro-relato NAS RANDEEIRAS, presentado co seudónimo MOURAZOS, baixo o que se agochaba o nome de Lucía Rodríguez.

Finalista e gañadora dunha camisola OZOCOgz e un lote de libros doado pola Deputación de Ourense, o micro-relato A SALA, presentado co seudónimo LISA POE, baixo o que se agochaba o nome de Isabel Blanco.

Parabéns ás gañadoras!!!!!

*******************************************************


MICRO-RELATO número 16
NAS RANDEEIRAS
por:Mourazos
Xogaba preto das randeeiras. Eu non a perdía de vista. Collía unha pouca area do foso, daba uns pasiños e deixábaa a veira do escorredoiro. Absorta nas súas ocupacións achegábase cada vez máis ás randeeiras, tanto, que dunha volta, os peciños dun neno case a alcanzan. Erguinme e corrín cara ela. Nin se inmutara. Collina no colo, biqueina e ollei para ela. Recendía. Ós meus ollos era unha boneca. Acabouse o parque por hoxe -díxenlle- Imos a casa. Ela non quería, quedaba moita area que carretar, pero a decisión estaba tomada. Aínda choraba cando chegamos ó coche. Amarrei os cintos e arranquei segura de que a súa nai, para outra, estaría máis atenta. 

imaxe base © wbur.org

***

MICRO-RELATO número 7
A SALA
por:Lisa Poe


Abrimos a sala o mesmo día do enterro. Era a do fondo do corredor. Cando morreu a avóa Eloisa, dunha pulmonía, o avó Camilo pechouna. Durante máis de tres anos encheuna de móveis e papeis, de cadros e silencio. Foi baleirando a casa enteira pouco a pouco, desprendéndose de todo. Con cada viaxe, con cada cousa que abandoaba o seu lugar para apilarse no cuarto do fondo corredor, o avó Camilo foi perdendo os folgos e o rubor; o seu corpo debilitábase ao mesmo ritmo que os muros brancos e espidos. 
O mesmo día do enterro abrimos a sala. Todo habitaba alí invadindo o espazo, como un exército vencido de corpos mortos. Sobre unha mesa de madeira escura, apegada a uns dos lados da porta, pousamos a caixa das cinzas. 
E pechamos. 

imaxe base © Isabel Blanco

6 de maio. DÍA da NAI


Dende OZOCOgz queremos celebrar, non o Día da Nai, senón que queremos que sexa o Mes da Nai. Para iso e durante todo o mes de maio, todas aquelas compras que fagades a través da tenda online ozocogz-atenda.com levarán de agasallo unha estupenda bolsa de algodón orgánico.

Entra na nosa tenda e verás que cousas máis bonitas temos para que a túa nai estea (se é que se pode) máis orgullosa de ti.

http://ozocogz-atenda.com/index.php?id_category=3&controller=category

19 de marzo. DÍA do PAI

Achégase o Día do Pai! 

http://ozocogz-atenda.com/index.php?id_category=12&controller=category

Por ese motivo en OZOCOgz queremos lembrarche a nosa oferta de produtos para ese papá que tanto merece.

Dende os nosos, xa clásicos, deseños en téxtil de camisolas e suadoiros até os novos produtos de papelaría.

http://ozocogz-atenda.com/index.php?id_category=18&controller=category




B​ota unha ollada demorada e verás como podes ser do máis orixinal.

Ademais, se fas a túa compra de téxtil dende a nosa tenda en liña, podes favorecerte dun interesante desconto do 20% en prendas unisex.

Preme na imaxe, baixo esta liña, e faille unha homenaxe a ese home que tanto leva feito por ti.

http://ozocogz-atenda.com/index.php?id_category=12&controller=category


E lembra que aínda estás a tempo de participares na 6ª edición do concurso de micro-relatos.

OZOCOgz. Apertas ozoqueiras!

6ª edición concurso micro-relatos OZOCOgz


Xa está en marcha a 6ª edición do noso concurso de micro-relatos. 

Máis información no evento creado na nosa páxina de facebook: 
https://www.facebook.com/events/164097064218482/ 

Anímate e participa, estas son as bases: 

BASES 6º concurso micro-relatos OZOCOgz 

1. Os micro-relatos deberán estar escritos en lingua galega. Deben ser orixinais, inéditos e non premiados nin presentados en ningún outro concurso ou certame literario. 

2. A temática será LIBRE. 

3. Admitirase só un relato por autor ou autora. 

4. A autora ou autor deberá cumprir cos seguintes requisitos con carácter obrigatorio. O non cumprimento dalgún destes puntos significa a non aceptación do seu relato no concurso: 

- Ter cumpridos os 16 anos ou máis 
- Ter un perfil en facebook 
- Compartir o evento do concurso no seu “muro”, engadindo a etiqueta @ozocogz 
- Premer (de non telo feito con anterioridade) no "Gústame" da nosa páxina (FanPage): www.facebook.com/desenho.galego 

5. A extensión máxima dos micro-relatos será de 140 palabras. 

6. Os relatos poderanse facer chegar por calquera dos dous métodos seguintes: 

a. A través dunha mensaxe na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz. Nesa mensaxe figurará tamén o nome do relato xunto cun seudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos o conto na páxina de facebook e máis na nosa web www.ozocogz.com. 

b. Por correo electrónico a ozocogz@gmail.com. Neste caso figurará no asunto CONCURSO MICRO-RELATOS OZOCOgz. Coma no caso anterior, figurará tamén o nome do relato xunto cun seudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos o conto na páxina de facebook e máis na nosa web www.ozocogz.com 

7. OZOCOgz resérvase o dereito de non admitir a concurso aqueles micro-relatos que, entre outras causas, atenten contra o dereito á intimidade, honra e propia imaxe de terceiros/as, ou que conteñan connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios difamatorios ou calquera outros que atenten contra a dignidade. 

8. Os/as usuarios/as de facebook poderán facer comentarios aos micro-relatos. Estes comentarios serán moderados por OZOCOgz. Os comentarios ou lecturas, sexa cal sexa o seu número ou texto, non implicarán de ningún xeito influencia na votación final. 

9. O prazo de envío dos micro-relatos vai dende o 5 de febreiro até o 30 de abril de 2018. O 17 de maio, Día das nosas Letras daremos a coñecer publicamente o nome dos relatos gañadores, quedando por fixar por OZOCOgz unha data posterior para a entrega dos premios.

SELECCIÓN DO GAÑADOR OU GAÑADORA

10. O xurado está formado polas seguintes persoas: un/unha representante da "Libraría Escolma" do Carballiño, un/unha representante da "Librería Miranda" de Bueu, un/unha representante da "Libraría Vagalume" de Lalín, un/unha representante da "Libraría Andel" de Vigo, un/unha representante da “Libraría Pedreira” de Compostela, a escritora Arantza Portabales, a escritora Rochi Novoa, o escritor Fran Fernández Davila, o escritor Manuel Núñez Singala e a gañadora da pasada edición do concurso Susana Villamor Prieto. 

11. Haberá dous micro-relatos premiados aos que corresponderán os seguintes premios: 

Ao 1º premio e relato gañador faráselle entrega dunha camisola OZOCOgz e un vale por un xantar ou cea degustación, con produtos ecolóxicos da zona, para dúas persoas, na Taberna cultural A Arca da Noe, en Vilar de Santos - A Limia (Ourense). 

Ao 2º premio e relato finalista faráselle entrega dunha camisola OZOCOgz e un lote de libros. 

12. A decisión do xuri é inapelábel e irrevogábel podendo declarar deserta a totalidade ou algún dos premios no caso de non acadar a calidade necesaria. 

13. Calquera cuestión non prevista nestas bases será interpretada e resolta por OZOCOgz en calidade de organizadora do concurso. 

14. Todos os micro-relatos presentados a concurso pasan a ser propiedade de OZOCOgz, reservándose o dereito da súa publicación, tradución a outros idiomas ou difusión por calquera medio, citando sempre o autor ou autora dos mesmos. As autoras e autores dos micro-relatos, polo mero feito de participar, ceden en exclusiva a OZOCOgz os dereitos patrimoniais ou de explotación sobre as súas obras: dereito de reprodución, dereito de distribución, dereito de comunicación pública e dereito de transformación (tradución e adaptación basicamente). A cesión anterior terá unha duración de 25 anos. Pola súa parte, OZOCOgz respectará os dereitos morais de autoras e autores, especialmente os dereitos de paternidade e de integridade, co cal citará sempre a autoras e autores das obras presentadas a concurso e non alterará os relatos presentados. Se a autora ou autor quixera publicar ou explotar economicamente a obra presentada a concurso deberá pedir autorización previa a OZOCOg. 

15. O feito de participar implica a plena aceptación destas bases ou daquelas modificacións puntuais que puidesen xurdir no transcurso do concurso. 

O Carballiño, 2 de febreiro de 2018 


Eladino Cabanelas 
Responsábel de OZOCOgz

En OZOCOgz TRI-celebramos a chegada de febreiro!

http://ozocogz-atenda.com/index.php?id_product=15&controller=product

Xa está aquí o FEBREIRO.

Este febreiro vén cargado de celebracións, de ocasións para festexar, gozar... e tamén para agasallar a quen máis queres.

O día 2 é o día da Candeloria, o Día do Amor nos antigos costumes galegos. Dise que é o día no que casan os paxariños e así o confirman ditos ben antigos:

"A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa".

O 14 é San Valentín, o Día dos Namorados celebrado maioritariamente e, posibelmente, instaurado nesta data para eliminar outras celebracións máis antigas e consideradas profanas pola relixión católica. Mais iso é outra historia
E por se fora pouco estamos completamente mergullados no Entroido, o día 1 é Xoves de Comadres e até o 14 (San Valentín e Mércores de Cinza) que enterraremos sardiñas e queimaremos mecos, estaremos gozando dunha quincena de troula e celebración (nalgún lugar como Xinzo ou Verín a esmorga remata aínda uns días despois, o 18, Domingo de Piñata).

En OZOCOgz imos celebralo fundindo as tres celebracións e ofertándoche un desconto do 25% nas camisolas EU SON DE ENTROIDO para que poidas regalar a esa persoa que tanto queres.

Só na nosa loxa ou tenda en liña e dende o día 1 até o 24 de febreiro, ámbalas dúas datas incluídas.

Aproveita a ocasión e agasalla algo moi orixinal:

http://ozocogz-atenda.com/index.php…