5ª edición concurso micro-relatos OZOCOgz



Ponse a andar a 5ª edición do concurso de micro-relatos OZOCOgz.
Após o éxito de participación das anteriores edicións velaquí ven xa a nova edición do noso concurso literario.

Podedes atopar máis información na seguinte ligazón:
https://www.facebook.com/events/233378203787271/

BASES 5ª EDICIÓN CONCURSO MICRO-RELATOS

 1. Os micro-relatos deberán estar escritos en lingua galega. Deben ser orixinais, inéditos e non premiados nin presentados en ningún outro concurso ou certame literario.


2. A temática será a MEMORIA HISTÓRICA. Segundo diversas fontes, a Memoria Histórica é un concepto historiográfico que ven designar o esforzo consciente dos grupos humanos por entroncar co seu pasado, sexa este real ou imaxinado, valorándoo e tratándoo con especial respecto. No caso que nos ocupa, a efectos do concurso, ímonos centrar no período de tempo que vai dende a 2ª República Española á morte do ditador Franco. Sirva este pequeno concurso como recoñecemento a todas as vítimas de antes e durante a Guerra Civil e, por suposto, ás vítimas da posterior e cruel ditadura franquista, e a todos os seus familiares. Familiares a quen, aínda hoxe se lles nega, en moitos casos, o dereito a saber onde están soterrados os seus.

3. Admitirase só un relato por autor ou autora.

4. A autora ou autor deberá cumprir cos seguintes requisitos con carácter obrigatorio. O non cumprimento dalgún destes puntos significa a non aceptación do seu relato no concurso:

- Ter cumpridos os 16 anos ou máis
- Ter un perfil en facebook
- Compartir o evento do concurso no seu “muro”, engadindo a etiqueta @ozocogz
- Premer (de non telo feito con anterioridade) no "Gústame" da nosa páxina (FanPage): www.facebook.com/desenho.galego 

5. A extensión máxima dos micro-relatos será de 140 palabras. O único xeito de facérnolos chegar, para garantir o anonimato, é a través dunha mensaxe na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz. Nesa mensaxe figurará tamén o nome do relato xunto cun seudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos o conto na páxina de facebook e máis na nosa web www.ozocogz.com.

6. OZOCOgz resérvase o dereito de non admitir a concurso aqueles micro-relatos que, entre outras causas, atenten contra o dereito á intimidade, honra e propia imaxe de terceiros/as, ou que conteñan connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios difamatorios ou calquera outros que atenten contra a dignidade. 

7. Os/as usuarios/as de facebook poderán facer comentarios aos micro-relatos. Estes comentarios serán moderados por OZOCOgz. Os comentarios ou lecturas, sexa cal sexa o seu número ou texto, non implicarán de ningún xeito influencia na votación final.

8. O prazo de envío dos micro-relatos vai dende o 1 de febreiro até o 30 de abril de 2017. O 17 de maio, Día das nosas Letras daremos a coñecer publicamente o nome dos relatos gañadores, quedando por fixar por OZOCOgz unha data posterior para a entrega dos premios.

SELECCIÓN DO GAÑADOR OU GAÑADORA

9. O xurado está formado polas seguintes persoas: un/unha representante da "Livraria Suévia" da Coruña, un/unha representante da "Libraría Escolma" do Carballiño, un/unha representante da "Librería Miranda" de Bueu, un/unha representante da "Libraría Vagalume" de Lalín, un/unha representante da "Libraría Andel" de Vigo, un/unha representante da “Libraría Pedreira” de Compostela, a escritora María Solar, a escritora Iolanda Zúñiga, o escritor Alfonso Láuzara, o escritor e director da Editorial Galaxia Francisco Castro e a gañadora da pasada edición do concurso Susana Glez. Lago.

10. Haberá dous micro-relatos premiados aos que corresponderán os seguintes premios: 

Ao 1º premio e relato gañador faráselle entrega dunha camisola OZOCOgz e un vale por unha estancia para dúas persoas por unha noite, con almorzo incluído, na Aldea Rural Pazos de Arenteiro, no concello ourensán de Boborás.

Ao 2º premio e relato finalista faráselle entrega dunha camisola OZOCOgz e un lote de libros.

11. A decisión do xuri é inapelábel e irrevogábel podendo declarar deserta a totalidade ou algún dos premios no caso de non acadar a calidade necesaria.

12. Calquera cuestión non prevista nestas bases será interpretada e resolta por OZOCOgz en calidade de organizadora do concurso.

13. Todos os micro-relatos presentados a concurso pasan a ser propiedade de OZOCOgz, reservándose o dereito da súa publicación, tradución a outros idiomas ou difusión por calquera medio, citando sempre o autor ou autora dos mesmos.

14. O feito de participar implica a plena aceptación destas bases ou daquelas modificacións puntuais que puidesen xurdir no transcurso do concurso.
O Carballiño, 17 de xaneiro de 2017







Eladino Cabanelas 
Responsábel de OZOCOgz

A Candeloria e San Valentín, dúas datas para o amor na nosa Terra



O 2 de febreiro é o día da Candeloria, o día do amor nos antigos costumes galegos. Dise que é o día no que casan os paxariños.

Neste mundo tan globalizado, na Galiza tamén se adoita celebrar o Día dos Namorados e Namoradas o 14 de febreiro, polo San Valentín. Mais este día 2, en que casan os paxariños, tamén é unha data ben axeitada e bonita para celebrarmos o amor e sorprendermos á nosa parella cun bonito agasallo. Ben seguro que non o espera.

Que che parece cunha camisola ozoqueira? 


Entre o 20 de xaneiro e o 15 de febreiro oferta especial na nosa tenda online.


O Día da Candeloria é o propio DÍA DO AMOR segundo a tradición galega. Vai un artigo moi interesante que roubamos descaradamente ;) da web galicia.swred.com sobre esta festividade de fondas raigames celtas. 

 ----

A CANDELORIA, A FESTA DA LUZ
A festa da luz e día do amor nos antigos costumes galegos

A Candeloria é unha festa relixiosa que se celebra o día 2 de febreiro. Consiste na bendición das candeas que despois serían utilizadas na celebración da Semana Santa (máis exactamente o xoves santo). Pero en Galicia ademais era considerada a data coma un preludio da chegada da primavera e con ela o renacer da natureza. Dicíase que era a época do casamento dos paxaros e para os mariñeiros tamén era o comezo da navegación despois da longa espera no período invernal no cal a maior parte das embarcacións non saían dos portos.

A CANDELORIA

Noutros tempos estas candeas eran utilizadas para ser postas nas mans dos moribundos coma símbolo de protección cristiá no tránsito á outra vida. Neste día, o crego bendí-las velas ou candeas que os fieis manteñen acesas durante a misa e que logo levan para a casa. A estas candeas bendicidas atribúenselle poderes coma ós de calma-las treboadas e alumea-lo camiño das almas que deixan este mundo.
Pero a orixe desta festa, coma a doutras moitas celebracións cristiás, é pagá. Era a antiga “festa da luz” , celebrada polos celtas e tamén polos romanos.

El “IMBOLC” E AS “LUPERCALES”

En tempos antigos, o primeiro día do mes de febreiro era moi celebrado nas terras habitadas polos pobos celtas.
Esta festa tamén coñecida coma “Brigantia”, “Candlemas”, “Brigid's day”, deriva do seu nome en gaélico irlandés “Ambiwolka”, que traducido ó idioma purificado e decantado dos celtas, é Imbolc. O nome Brigantia deriva de Brighid o Brigid, deusa celta moi poderosa. Era a figura da nova lúa, da primavera anual e das correntes mariñas. Esta época do ano, era das purificacións e do lume sagrado que liberaba a terra, propiciando a fertilidade e o espertar do sol, despois do frío e gris inverno. Era tamén a época dos nacementos dos cordeiros e cando as ovellas producían leite. Brighid era a protectora dos rabaños.
Os ritos de predicción e matrimonio celebrábanse nestas datas baixo a proteccións dos espíritos benéficos que visitaban a terra durante esta festividade.
Considerábase o remate do inverno, o festival de purificación para prepara-lo camiño para o retorno da primavera e do sol. Brighid era honrada, poñendo unha candea en cada habitación ou en cada fiestra da casa.
Co paso do tempo e a mestura da cultura celta co cristianismo, esta festa do lume será homologada na celebración da Candeloria . A deusa Brighid foi asimilada coma Santa Brígida en Irlanda, sendo a súa santa patroa.
Os romanos tiñan tamén una celebración nesas datas. Facían unha procesión con candeas acendidas de noite, repetindo pregarias a “Proserpina” (palabra asociada ó termo grego, “persétone”, e á deusa que daba orixe ás sementes, “proserpere”).
Esta festa romana do lume , en honor da fertilidade era chamada "Lupercales" ...( 14 días antes das “Kalendas” de marzo )
No ano 492, o Papa Gelasio, para substituír esta celebración pagá e asimilala ó cristianismo, crea a festa da Purificación da Virxe María, que é conmemorada o 2 de febreiro.
O nome da Candeloria está orixinado pola procesión realizada dentro da igrexa con candeas benditas. Esta purificación virxinal e as candeas eran o antídoto cristián para a fertilidade romana e os fachos “lupercales”.
En Galicia non só era moi celebrada esta festa dentro do relixioso, senón que, no ámbito agrario, se celebraba o “casamento dos paxariños” . Di un refrán que “a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”. Considerábase a esta festa coma “a do amor e do apareamento no reino animal”.
Nalgunhas comarcas, tamén era considerado o día do encantamento das cobras, pois, entre os labregos, era moi común dicir : “Santa Candeloria me ampare esta cobra”, invocando poder para manter lonxe calquera tipo de serpe.
Hai outro refrán que di: “Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, a metade do inverno está por pasar”.
Cando se aproximaba o dia de Santa Brígida, os campesiños irlandeses acostumaban darlle a volta a un terrón calquera dos seus campos de labranza. Con esa acción consideraban que se favorecia a chegada do bo tempo, que necesitaban para efectuar os labores agrícolas da tempada (Danaher, 1972: 13). Este rito de lle dar a volta a un pedazo de terra con esa finalidade propiciatoria, ten unha orixe moi antiga pois tamén en Galicia e en Portugal existia o costume de darlle a volta a determinadas pedras para que deixase de chover, e poder asi traballar na labranza. Os campesiños da localidade de Laza (Verín. Ourense) dábanlle volta a unha ou dúas pedras cando aparecia o arco da vella sobre os campos nos que traballaban e comezaba a chover (Taboada Chivite, 1980: 166).

A referencia mais antiga que nos ofrece unha pista sobre as orixes deste rito atopámola en Estrabón. Conta este geógrafo que no cabo Segres, en Portugal, habia unhas pedras ás que as persoas que acudian a ese lugar sagrado acostumaban darlle a volta co fin de solicitar un desexo (Estrabón, III, 1, 4).

Ata hai moi poucos anos, os labregos portugueses acostumaban darlle a volta a unhas pedras chamadas "molechos" cando querian que chovera (Taboada Chivite, 1980: 166). Na igrexa de Teampull Phadruig, en Caher Island, fronte á costa de Maio (Irlanda), se conservaba unha pedra coa que os campesiños efectuaban un rito que tiña coma finalidade facer que se acabase a boa sorte da persoa á que se queria prexudicar. Para iso, abondaba con darlle a volta a dita pedra. Criase tamén que con esa acción se podia igualmente producir treboadas e furacáns e causar asi estragos nas embarcacións (Logan, 1980: 111). Entre os pescadores galegos conservouse ate mediados do século XX o costume de darlle a volta ás tellas de determinadas ermitas costeiras, crendo que asi se podia alterar a dirección dos ventos, e mesmo producilos , para favorecer o rumbo das embarcacións de vea.
Todas estas prácticas naceron moi probabelmente debido a un antigo culto de orixe indoeuropeo que se rendia a unha divindade de ultratumba (Alonso Romeiro, 1996).
Segundo Eladio Rodríguez Gónzalez, no seu "Breviario Enciclopédico", di que a Candeloria é "Aa Festa da Purificación da Nosa Señora que se celebra o 2 de febreiro.Segundo a crenza popular, o día da Candeloria casan os paxaros nas árbores. As funcións relixiosas que se celebran en Santiago de Compostela e noutros templos galegos non só simbolizan a pureza da Virxe Nai ó acendelas candeas e solta-las pombas no intre de alzar senón que, por vello costume, segundo Murguía (Galicia), representan tamén ó amor ás almas infantís,e os irmáns dos nenos mortos antes do bautismo; os que habían se-los seus padriños de pía botan ó chan xasmíns azuis entre o alzar da hostia e do cáliz, para que as inocentes criaturas xoguen con esas flores. Moitas nais poñen as candeas encol de feixes de romeo, planta funeraria, co gallo de que eses pobres seres vexan a luz divina, aínda que só sexa durante a misa da Purificación.
Para o pobo campesiño a Candelaria significaba o final do inverno, o fin das longas noites e dos dias sen luz, e tamén o comezo do ano agrícola posto que a vida retornaba gradualmente aos campos e aos cultivos. De modo que a candea que se acendia en cada lar para conmemorar esa data simbolizaba o regreso da luz. O seu significado propiciatorio foi recoñecido en toda a Cristiandade occidental, e as candeas que os devotos levaban á igrexa para que as bendixese o sacerdote na misa dese dia, se consideraba que adquirian poderes sobrenaturais para afastar aos malos espíritos, ás treboadas que puidesen ameazar aos sementados e tamén para axudar a calquera nos difícis trances dos ritos de paso (Gélis, 1991: 35), e na enfermidade (Branco Prado, 1990: 246).
Nalgunhas aldeas da bisbarra de Verín (Ourense) púñase mesmo unha candea na man dos moribundos (Taboada Chivite, 1963:154). A xente das poboazóns costeiras de Guipúzcoa dáballe especial importancia ás candeas bendicidas ese dia, sobre todo as mulleres dos pescadores, que acostumaban acende-las cando a treboada ruxia no mar, pois se sentian angustiadas ante a posibilidade de que os seus homes o estivesen a pasar mal en medio do temporal, e esperaban unha melloria do tempo co poder milagroso desas candeas (Barandiaran Irízar, 1982: 194).
Na vispeira da Candelaria os campesiños escoceses acendian candeas en torno a unha morea de centeo e palla para simbolizar a victoria do sol sobre as trebas do inverno. As candeas representaban o poder divino, vitalizador do sol do que dependian as colleitas (James, 1961: 233).
Debo resaltar tamén que en algunhas aldeas galegas se levaba pan á misa da Candelaria. nas aldeas da vertente Sul de Corda (Mondoñedo, Lugo) as mulleres levaban á igrexa cestos de vimes cubridos cunha servilleta de liño. Dentro traían un pan caseiro e uns pequenos boliños, case como avelás, un por cada membro da família para que recebesen a benzón. Ao tornar ás suas casas repartian os boliños entre toda a família e acostumaban levalos nas faltriqueras durante todo o ano debido ao poder apotropáico que lles atribuían (Igrexas Alvariño, 1947: 488).
Tamén na parroquia de Loureses (Ourense) utilizábase o pan como medio de protección ou profiláctico; sobre todo os nenos, aos que lles metian entre as súas roupas ou colgábanlles do pescozo un pedazo de pan para protexelos contra as meigas e o mal de ollo (Mandians Castro, 1984: 38).
Sobre o significado da Candelaria na vida agrícola e pastoril queda constancia tamén en ditos tradicionais nos que a sabedoria popular nos transmite as súas crenzas empíricas, como no seguinte prognóstico portugués no que pervive ademais o atributo dunha vella divindade pagána que asumiu a Virxe:

Se a Senhora da Luz chorar,
está o inverno a acabar.
Se a Senhora da Luz rir,
está inverno para vir

(Braga, 1986, II: 189).

En Galicia coñecense tamén varios refráns que fan alusión á esperada melloría do tempo por esas datas:

Pola Candeloria mitá do inverno vai fora.
Se a Candeloria chora vai o inverno fora;
se rí, o inverno quer vir;
mais cal chorar, cal rir,
medio inverno está por vir

(Rodríguez González, 1958: v. «Candeloria »).

Pervivencias do mundo das sombras da Antiguidade clásica podianse observar ainda a finais do século XIX nas misas que se celebraban o dia da Candelaria en Santiago de Compostela e Na Coruña. As mulleres que foran nais crian que as luces das candeas que acendian ese dia nas igrexas, eran as únicas luces que podian ver en todo o anos os fillos que se lles morreran sen ser bautizados e que estaban no Limbo (Murguía, 1982, I: 236-37).

Mónica B. Suárez Groba
Fonte consultada: "Breviario Enciclopédico" de Eladio Rodríguez Gónzalez, Taboada Chivite, Mandians Castro.


TRONO da MOURA, novo punto de venda ozoqueiro.


Xa temos punto de venda na Comarca de Verín!

Trátase de TRONO da MOURA, un fermoso e orixinal local situado no lugar e parroquia de Tintores, moi pretiño da vila de Verín e pertencente a este concello ourensán.

Aconsellamos visitar este local onde o primeiro que vai sorprender é a orixinal decoración e o mobiliario, feito todo en madeira, á que se lle respectaron as formas orixinais, adaptándoa para cadeiras, mesas e até columnas.


TRONO da MOURA é ademais e sobre todo un espazo cultural que David, o seu propietario, pon a disposición de quen teña algo que dicir, algo que contar, algo para amosar. Dende concertos en directo a presentacións de libros ou exposicións de artistas, todo ten cabida neste acolledor espazo.

Mais isto non é todo, porque no TRONO da MOURA tamén poderás gozar dunha excelente cociña, destacando as carnes de excelente calidade e das que dá fe o propietario (criador do gando que logo se ha comer no seu comedor), acompañada dos viños da zona, entre os que cabe destacar o propio viño da casa, dun sabor exquisito e digno de envexar por adegas ben máis coñecidas e con máis renome dentro da propia comarca.




E, claro está, agora tamén, novo punto ozoqueiro e, como case sempre ocorre cos lugares onde temos á venda os nosos produtos, unha tenda ozoqueira en continuo movemento!!!! 

Polo de agora poderedes atopar alí tan só as CAMISOLAS do ENTROIDO, mais se queredes calquera outro dos nosos produtos, non dubidedes de dicirllo a David, que se encargará de que llo fagamos chegar o máis axiña posíbel.

http://www.ozocogz.com/p/blog-page_30.htmlhttp://www.ozocogz.com/p/blog-page_30.html


O dito, non deixedes de visitar este magnífico local onde un xantar ou unha cea vai ir acompañado, ben seguro, dun toquiño de maxia da MOURA.

Para saber como chegardes ata alí, preme na seguinte ligazón: AQUÍ ESTÁ!!!