5ª edición concurso micro-relatos OZOCOgz



Ponse a andar a 5ª edición do concurso de micro-relatos OZOCOgz.
Após o éxito de participación das anteriores edicións velaquí ven xa a nova edición do noso concurso literario.

Podedes atopar máis información na seguinte ligazón:
https://www.facebook.com/events/233378203787271/

BASES 5ª EDICIÓN CONCURSO MICRO-RELATOS

 1. Os micro-relatos deberán estar escritos en lingua galega. Deben ser orixinais, inéditos e non premiados nin presentados en ningún outro concurso ou certame literario.


2. A temática será a MEMORIA HISTÓRICA. Segundo diversas fontes, a Memoria Histórica é un concepto historiográfico que ven designar o esforzo consciente dos grupos humanos por entroncar co seu pasado, sexa este real ou imaxinado, valorándoo e tratándoo con especial respecto. No caso que nos ocupa, a efectos do concurso, ímonos centrar no período de tempo que vai dende a 2ª República Española á morte do ditador Franco. Sirva este pequeno concurso como recoñecemento a todas as vítimas de antes e durante a Guerra Civil e, por suposto, ás vítimas da posterior e cruel ditadura franquista, e a todos os seus familiares. Familiares a quen, aínda hoxe se lles nega, en moitos casos, o dereito a saber onde están soterrados os seus.

3. Admitirase só un relato por autor ou autora.

4. A autora ou autor deberá cumprir cos seguintes requisitos con carácter obrigatorio. O non cumprimento dalgún destes puntos significa a non aceptación do seu relato no concurso:

- Ter cumpridos os 16 anos ou máis
- Ter un perfil en facebook
- Compartir o evento do concurso no seu “muro”, engadindo a etiqueta @ozocogz
- Premer (de non telo feito con anterioridade) no "Gústame" da nosa páxina (FanPage): www.facebook.com/desenho.galego 

5. A extensión máxima dos micro-relatos será de 140 palabras. O único xeito de facérnolos chegar, para garantir o anonimato, é a través dunha mensaxe na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz. Nesa mensaxe figurará tamén o nome do relato xunto cun seudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos o conto na páxina de facebook e máis na nosa web www.ozocogz.com.

6. OZOCOgz resérvase o dereito de non admitir a concurso aqueles micro-relatos que, entre outras causas, atenten contra o dereito á intimidade, honra e propia imaxe de terceiros/as, ou que conteñan connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios difamatorios ou calquera outros que atenten contra a dignidade. 

7. Os/as usuarios/as de facebook poderán facer comentarios aos micro-relatos. Estes comentarios serán moderados por OZOCOgz. Os comentarios ou lecturas, sexa cal sexa o seu número ou texto, non implicarán de ningún xeito influencia na votación final.

8. O prazo de envío dos micro-relatos vai dende o 1 de febreiro até o 30 de abril de 2017. O 17 de maio, Día das nosas Letras daremos a coñecer publicamente o nome dos relatos gañadores, quedando por fixar por OZOCOgz unha data posterior para a entrega dos premios.

SELECCIÓN DO GAÑADOR OU GAÑADORA

9. O xurado está formado polas seguintes persoas: un/unha representante da "Livraria Suévia" da Coruña, un/unha representante da "Libraría Escolma" do Carballiño, un/unha representante da "Librería Miranda" de Bueu, un/unha representante da "Libraría Vagalume" de Lalín, un/unha representante da "Libraría Andel" de Vigo, un/unha representante da “Libraría Pedreira” de Compostela, a escritora María Solar, a escritora Iolanda Zúñiga, o escritor Alfonso Láuzara, o escritor e director da Editorial Galaxia Francisco Castro e a gañadora da pasada edición do concurso Susana Glez. Lago.

10. Haberá dous micro-relatos premiados aos que corresponderán os seguintes premios: 

Ao 1º premio e relato gañador faráselle entrega dunha camisola OZOCOgz e un vale por unha estancia para dúas persoas por unha noite, con almorzo incluído, na Aldea Rural Pazos de Arenteiro, no concello ourensán de Boborás.

Ao 2º premio e relato finalista faráselle entrega dunha camisola OZOCOgz e un lote de libros.

11. A decisión do xuri é inapelábel e irrevogábel podendo declarar deserta a totalidade ou algún dos premios no caso de non acadar a calidade necesaria.

12. Calquera cuestión non prevista nestas bases será interpretada e resolta por OZOCOgz en calidade de organizadora do concurso.

13. Todos os micro-relatos presentados a concurso pasan a ser propiedade de OZOCOgz, reservándose o dereito da súa publicación, tradución a outros idiomas ou difusión por calquera medio, citando sempre o autor ou autora dos mesmos.

14. O feito de participar implica a plena aceptación destas bases ou daquelas modificacións puntuais que puidesen xurdir no transcurso do concurso.
O Carballiño, 17 de xaneiro de 2017







Eladino Cabanelas 
Responsábel de OZOCOgz

Ningún comentario:

Publicar un comentario