No outono os zocos de OZOCOgz non paran. O 13 de novembro á Eira da Xoana

O 13 de novembro recuncamos a Ramil (Agolada) convidados polo proxecto Eira da Xoana.

Que que é a Eira da Xoana?

Velaquí o que nos din os seus promotores e artífices:


É un proxecto aberto que ten coma obxectivo concienciar e pór en práctica os principios ecoloxistas e socioculturais que defendemos dende ADEGA (www.adega.gal)
É un lugar de encontro onde toda a xente concienciada e respectuosa co medio natural e cultural galego pode ter cabida, independentemente de que estean asociados ou non á asociación promotora deste proxecto: ADEGA
É pois unha aventura colectiva que para facerse realidade precisa:
  • da colaboración de todas e todos
  • de habilidades físicas e intelectuais
  • … de calquera aportación, por pequena que sexa
Temos a certeza de que esta UTOPÍA, á que chamamos Eira da Xoana, só será posible coa progresiva entrega e cooperación do pobo galego. Nelo cremos firmemente e de feito, xa tivemos a oportunidade de comprobalo dende o mesmo momento en que se iniciou esta andaina: veciñas e veciños coa súa xenerosidade, deixaron ben patente a boa acollida e repercusión que tivo, ten e pode ter esta iniciativa.

Historia da Xoana e da casa

Xoana foi a dona desta casa. A xente de Ramil ainda garda na memoria da súa infancia a imaxe dunha muller pequeneira que sempre tiña unha palabra de agarimo para os nenos que pasaban polas beiras do seu lar. A Xoana tiña prontas unha mazá ou unha pera para eles cando por alí ían co gado ao monte ou voltaban de algún mandado.
Esta é unha casa de aldea tradicional. Modesta, aínda no ámbito rural en que foi construída.
Conta Camilo de Ramil, que os seus avós colaboraron na sua construción. A pedra para a súa feitura veu das pedreiras do monte de riba, cargada nun carro de bois cando a estrada actual aínda non estaba feita.
No baldío que fica en fronte da casa, facíase antes a festa de Ramil, tamén chamada a Festa da Cabra, ao redor do cruceiro que logo foi trasladado para diante da Igrexa de San Martiño. Din que os bois chegaban onda o cruceiro e daban eles sós a volta despois de seren liberados do peso da pedra, para voltar a cargar máis no monte.
Manuela viña coas ovellas, cando xa a casa non estaba habitada e, mentras as coidaba, lavaba roupa no rego que corría polo medio da leira. Encontramos a pedra de lavar, cando liberamos a antiga terra de labor dos toxos e xestas que a escondían.
Despois da Xoana, aínda ficou vivindo na casa o seu fillo Xosé, que voltou de Cuba para onde emigrara. Non triunfaran todos os emigrantes. Moitos, como o Xosé, tiveron que voltar para a casa, morrendo doente no Hospital de Pontevedra
A casa ficou valeira por máis de 40 anos. A natureza traballou nas terras cubríndoas de toxos, silvas e xestas máis altas ca un home alto. A Eira ficou cuberta por herbas e terra. A casa foi abrigada polas silvas, as hedras, e algún carballo que naceu nos seus muros, camuflándose ante a mirada indiscreta da xente e conservou a súa estrutura tradicional paralizada no tempo. Aínda había restos do banco ao pé da lareira e do aparador da cociña cando entramos por primeira vez. Camilo coidou do hórreo que se estaba vindo abaixo, cubríndoo, provisoriamente, cunha uralita.
Na restauración procurouse conservar, no posíbel, toda a referencia ao seu pasado de unidade habitacional de autosuficiencia. Todo nela foi feito ao servizo dunha función: a sobrevivencia a partir da propia produción.
As antigas cortes, son hoxe a sala principal de exposicións e actividades, mais existe o cortello dos porcos á beira da xanela da cociña, o forno e a pía onde se picaban os toxos para dar de comer ao cabalo. A corte da besta transformámola en baño , por necesidade. E o fermoso tundal da entrada fálanos dun lugar axeitado para un pequeno carro; o xusto para as necesidades da casa.
Desexamos que te sintas aquí tan a gusto como nos sentimos nós, so a presenza protectora da Xoana, xa transformada en fada boa polo transcorrer dos tempos.
 



Tempo de magostos. Apuntámonos!!!

O 6 de novembro convidados polos veciños de Trandeiras (Xinzo da Limia) OZOCOgz estaremos cos produtos ozoqueiros nun lugar fermosísimo celebrando e gozando da súa FESTA MAGOSTO.

Xa o sabedes, visitade Trandeiras o 1º domingo de novembro e, de paso que mercades algo dos diferentes expositores que alí estaremos, podedes aproveitar para xuntarvos ao magosto que alí se vai celebrar.



Ampliamos información publicada polo xornal dixital DENDE A LIMIA.COM:

Un magosto con mercado de artesanía e xogos en inglés no mosteiro de Trandeiras

17 de Octubre de 2016 (18:49 h.)  

O mosteiro de Trandeiras é o lugar escollido para celebrar un magosto especial o vindeiro 6 de novembro. A xornada dará comezo ás 11h da mañá coa apertura dun mercado de artesanía e produtos locais.


Os merendeiros do mosteiros será a zona na que teña lugar a comida con alimentos cociñados en forno de leña e onde se vai instalar un bar. Non faltará a música cunha foliada á que se pode unir quen o desexe levando o seu propio instrumento. 

Os máis cativos poderán por en práctica o seu inglés cos xogos que darán comezo ás 16h. Ás 18h terá lugar unha merenda e continuará a celebración do magosto ata as 19h. 

Ese mesmo día hai programada tamén unha andaina solidaria e un sorteo de diferentes agasallos. Entre eles unha pandeireta artesá de Son de Pau, unha noite para dúas persoas na Casa do Mosteiro, unha botella de licor de Alicornio e un colar e pendentes e pulseira de prata con cristal checo de Noa´s bisutería. 

Os que desexen achegarse a este evento precisan de previa inscrición nos teléfonos 617 031 854 ou 619 389 193,  pagando 7 euros que inclúen comida, actividades e unha participación no sorteo. 

O magosto vai ter lugar nun entorno de natureza e beleza como o mosteiro de Trandeiras. Organizan Noa´s bisutería, English is cool, Casa do Mosteiro e Son de Pau.

Ao Mercado de Artesanía e Produto Local do Outono de Vilar de Santos

A Arca de Noe e o Forno Tradicional Faragullas organizan o Mercado de Artesanía e Produto Local do Outono.

Tralo éxito do que se desenvolvera por primavera, o domingo 16 de outubro, celebrarase esta segunda edición do Mercado. Entre as actividades que podedes atopar destacamos unha saída micolóxica e un gran concerto de Katya Teixeira (Brasil), nunha xornada onde a música e o xogo popular ocupan o resto do día nun ambiente de festa onde aburrirse está prohibido.

Vémonos alí!!!