6 e 7 de Agosto, un referente nos festivais galegos. O Pardiñas en Guitiriz.

Coido que pouco hai que dicir deste veterano Festival a non ser deixarvos aquí o cartaz coa programación.

OZOCOgz, máis un ano, andará por alí. Achégate e leva a túa camisola!!!



Voltamos ao Etnoeume

A previsión do tempo, que logo foi corroborada por unha xornada horríbel de vento e chuvia, impediu que foramos o ano pasado ao Etnoeume.

Desta volta, agardando que o tempo axude, xa temos incorporado ao noso calendario de actividades de verán o asistir a esta marabillosa Feira etnográfica, o Etnoeume, que vai xa pola súa V edición, grazas ao traballo, vontade e ilusión das xentes deste fermoso lugar próximo a Pontedeume.
 

A Capela é un pequeno concello coruñés que vive principalmente da agricultura e a gandería.

Caracterízaos o coidado e o respecto que teñen polo espazo natural, destacando de xeito especial as Fragas do Eume, un entorno protexido pola Rede Natura a nivel da Unión Europea e o mellor bosque atlántico costeiro de Europa, cunha flora de fama botánica internacional.

Tamén destacan pola súa aposta pola conservación das tradicións e do patrimonio histórico, coma o Mosteiro de Caaveiro, recentemente restaurado, e o Museo Etnográfico, este último no lugarciño onde se celebra o Etnoeume.


Consulta o programa e non deixes de acudir.


Ah! Procura vir vestido ou vestida como farían nas nosas aldeas aló polos comezos do século XX.



Chega xullo e con el, unha cita obrigada para todas e todos nós, o Día da Patria



Chega unha das citas máis agardadas do calendario de OZOCOgz, o 25 de Xullo, o Día da Patria, e con ela o, xa tradicional, FESTIGAL que acada este 2016, nada máis e nada menos que 3 lustros; 15 aniños de troula, cultura e fraternidade arredor desta data tan importante.

E como non podía ser doutro xeito, OZOCOgz volveremos estar o 25 co noso stand no espazo de tendas do Festigal, no Campus Sur de Compostela.



Trasladamos aquí parte do texto que figura na web oficial do Festigal:

O Festigal chega á súa xv edición con Kepa Junkera, Poetarras, Arrhythmia, Falua e Fran Amil.

 

No Festigal 2016 tocarán Kepa Junkera & Sorginak, Poetarras, Arrhythmia, Biribirlocke, Falua, Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel, AldaoLado e Fanfarria Taquikardia. Ademais, nesta XV edición, abrirá Esposa, a banda gañadora do concurso Novos Valores, haberá un espectáculo de maxia con Martín Camiña e a charanga Os Campantes da Baña amenizará a festa.

 

fotografía © festi.gal

 O evento será o 24 e 25 de xullo, no campus sur de Santiago de Compostela e está organizado por Galiza Nova e pola Fundación Galiza Sempre. “O Festigal é un grande espazo reivindicativo e festivo arredor do Día da Patria Galega que une música, letras, ideas e debates; un escaparate da cultura do país que serviu durante estes anos para o lanzamento de grupos de artistas agora consolidados”, explicou Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova. “O reto deste ano do Festigal é incrementar as 20.000 persoas que asistiron na edición pasada”, engadiu.



Pola súa parte, Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre, agradeceu a presenza de 20 músicos e artistas que asistiron a esta presentación na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela e deu conta da variedade de estilos dos grupos musicais participantes. Postos de artesanía, eventos deportivos, obradoiros infantís e colectivos sociais que desenvolven o seu traballo polo país terán tamén espazo de seu no Festigal. Haberá unha zona de acampada cun prezo solidario e colaborativo de 3 euros, previa inscrición na web do Festigal.

 

 



Olalla Rodil, de Galiza Nova, destacou que a Galería das Letras e das Ideas terá como eixe tres figuras como Castelao, as Irmandades da Fala e Manuel María, que se están a conmemorar este ano. “O Festigal faise de maneira autofinanciada e autoorganizada, con máis de 300 pesoas voluntarias, que posibilitan que isto saia adiante”, concluíu.



Máis información na web do FESTIGAL.

Aumenta a familia de chapiñas ozoqueiras!

Vimos de quitar tres modelos novos da familia de chapas ozoqueiras.

Bótalle unha olladiña e non deixes de mercárnolas en calquera das nosas saídas porque non están distribuidas nas tendas. Tamén nolas podes encomendar por email ozocogz@gmail.com e mandaríamoschas á túa casa.
Cada chapiña ven acompañada dun cartonciño de deseño exclusivo que axuda a realzar a chapiña no caso de quereres ter un pequeno detalle con alguén... ou contigo mesma/o, claro!

CONVÉRTETE

ROSALÍA de CASTRO

MANUEL MARÍA



O ZOCO


A BUXAINA

MATRAQUIÑO

MINI COOPER

EU SON DE ENTROIDO!