O 15 de maio andaremos pola Estrada


Comeza a primavera e xa vai vindo o tempo de patear cos zocos País adiante.

O vindeiro 15 de maio, temos previsto estar todo o día no Mercado que co gaio da Festa do Salmón se vai celebrar nesta fermosa vila da Estrada.

Para irvos facendo boca, e mentres non estea o programa de actividades oficial, transcribimos aquí unha pequena historia desta festa que vai xa pola súa XLIII edición.

A información tomámola literalmente da web da Festa do Salmón.

 
43 ANOS

A Estrada celebra neste ano 2016 a cuadraxésimo terceira edición da Festa do Salmón, cita gastronómica que foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 2013.

A tradición salmoneira no municipio estradense remóntase aos anos da posguerra, época na que os coutos locais de pesca de salmón (naquel entón Couso, Sinde e Ximonde) eran un fervedoiro de afeccionados na percura do denominado “rei do río”. Naqueles anos, a riqueza do río Ulla era tal que centos de salmóns saían cada ano con destino a todos os puntos da xeografía galega e tamén do resto de España. Nembargantes, a meirande parte das capturas remataban nas cociñas estradenses, que se acostumaron a preparalo de múltiples formas, facéndose acreedoras dunha merecida reputación.

Foi xa na década dos anos 70 cando o recentemente creado Centro de Iniciativas e Turismo (CIT) decidiu incorporar á Estrada ao entón reducido circuito de festas gastronómicas de Galicia. Con tal fin conformábase a primeira comisión organizadora da Festa do Salmón, que estaba integrada polo presidente do Recreo Cultural, Enrique Cerviño; o presidente da Sociedade de Caza e Pesca Río Ulla, Ángel Fernández-Novoa; o presidente do Club Deportivo Estradense, Alfonso Varela; un representante do CIT, Ramiro Abelleira; e un representante da Corporación Municipal, Manuel Taboada. Tras meses de traballo e preparación, o 2 de xuño de 1974 celebrábase a primeira edición da Festa do Salmón da Estrada.

Dende os seus comezos, as celebracións incorporaron diferentes actos que permaneceron practicamente invariables co paso do tempo, como son a lectura do pregón, o deseño e promoción a través dun cartel anunciador, a celebración do Concurso Internacional de Pesca ou as exposicións filatélicas.

Ademais, ao longo das catro décadas de historia da festa fóronse incorporando diferentes actividades co obxectivo de realzar a súa repercusión en toda Galicia e de abranguer ámbitos de interese social, cultural, infantil ou deportivo: concursos de receitas inéditas, festivais folclóricos, verbenas e concertos, espectáculos de maxia, certames de escaparatismo e fotografía, elaboración de guías turísticas, actos de recoñecemento ao labor de impulso da festa coa entrega de Salmoeiras de Prata, Certames de Gaiteiros Solistas, concentracións de automóbiles antigos, Galas de Gastronomía, Diversalmón, feiras de antigüidades, torneos de xadrez ou rotas en bicicleta de montaña, entre outras moitas.

Corenta anos despois da celebración da primeira edición do certame, a Festa do Salmón veu recoñecido o seu prestixio en 2013 coa declaración, por parte da Xunta de Galicia, como Festa de Galicia de Interese Turístico.
 
 



1º de maio. Día da Nai



Máis un ano xa estamos pensando en como sorprender ás nosas nais, ou ás nosas compañeiras para axudar ás crianzas, polo Día da Nai.
Máis un ano a mesma comezón de cabeza por non saber con que agasallar sen caer nos típicos tópicos de sempre. Ademais xa ten o armariño do baño ateigado de perfumes, coa bisutaría non sempre se atina, se merco algún pequeno trebello de cociña non é algo persoal, os típicos "recordos" son horríbeis con frases horríbeis: Quérote mamá, Para a mellor mamá do mundo... Ufff!
A solución?
Unha orixinal camisola de OZOCOgz!!!
Se fas xa a túa encomenda por calquera das vías habituais (na nosa tenda online, por mensaxe en facebook, por email ozocogz@gmail.com ou vía teléfono 600876196),levarás de agasallo unha bolsa de algodón orgánico de deseño exclusivo.
Ademais, se nos fas a encomenda antes do domingo 24 de abril os custes de envío corren pola nosa conta.
A que esperas?




Chega o III Tangaraño Cultural!!!



Por terceiro ano consecutivo OZOCOgz estará presente en Sobradelo (Xunqueira de Ambía) no TangarañoCultural
Que que é o Tangaraño Cultural?
O Tangaraño Cultural é un encontro de amigos e amigas en torno á poesía, en torno á música, á festa, en definitiva, en torno á cultura en clave País.
Convídovos a que botedes un ollo á programación e veredes como vos animades a acudir. 
Haberá recitais de poesía, concertos de música, obradoiros, pallasos, teatro, mercado e sobre todo, sobre todo alegría e amizade.
Tamén vos poderedes preguntar: e como xorde isto nun lugarciño como Sobradelo?
Pois como sempre acontece nesta nosa Galiza, grazas á xenerosidade de alguén, grazas ao compromiso de alguén. E este alguén non é outro (neste caso outra) que Rochi Nóvoa, unha poeta con maiúsculas (sempre gustei máis dicir poeta que poetisa, non sabería explicalo, quizais me pareza máis contundente), que amais quer, e así o fai, exercer de boa e xenerosa ofertando todo o que ten nunhas xornadas que han pasar á historia cultural de Galiza, e senón, tempo ao tempo.
Claro que só coa Rochi, por moito xenio e enxeño que lle bote, non podería ser suficiente para argallar un Tangaraño Cultural coa potencia e forza que este ten, non. Para isto conta coa complicidade, primeiro da súa familia, do clan, xente incansábel, traballadora, xenerosa, hospitalaria..., despois, por suposto dos veciños e veciñas de Sobradelo, da tribo orixinaria -rememorando a Manuel María neste seu ano-, da Ítaca das nosas saudades, da que sempre soñamos voltar. E por último, o grandísimo grupo de amigas e amigos que esta  muller foi e vai colleitando Galiza adiante, porque se algo sabe facer, amais de escribir formidabelmente, é facer amigas e amigos e, claro está, se estas amigas e se estes amigos teñen algo en común é o saber contaxiarse, o saber implicarse en proxectos da orixinalidade deste Tangaraño Cultural.
Cómpre algo máis?
Eu coido que con estes ingredientes só pode haber espazo para o divertimento e para a alegría; sempre e cando, por suposto, te achegues e te deixes contaxiar co andazo do Tangaraño de Sobradelo. Non te has arrepentir!!
E se aínda e así te arrepintes, se aínda e así vés e non che senta ben o Tangaraño, non teñas medo, sempre che queda o remedio santo de acudires ao San Benitiño da Cova do Lobo.


OZOCOgz coa Agrupación Cultural AVANTAR

O vindeiro venres 15 de abril a histórica Agrupación Cultural Avantar Agrupación do Carballiño ten previsto unha Foliada na que aqueles/as músicos que se queiran apuntar, percorrerán bares e tabernas da vila cantando e tocando. Esta actividade forma parte da programación que, como ven sendo tradicional, arredor destas datas, organiza Avantar baixo o nome xenérico de "Orcellón fala e canta".
Pedíusenos unha pequena colaboración e daí saíu a imaxe que anuncia o evento.
Xa sabes, tanto se és do Carballiño como se non, e sobre todo se sabes tocar algún instrumento, achégate o vindeiro venres a esta vila e comparte con nós a troula.