É Tempo de Entroido!!



Se dos primeiros/as este ano, sé das primeiras/os en reivindicar o Entroido tradicinal, o Entroido rural galego. Se es dos ou das que pasa de Carnaval porque o teu é o Entroido, esta é a túa camisola oficial.

O resultado da unión do amor polo noso Entroido xunto co noso zoco particular é a nosa camisola ozoqueira, a camisola do Entroido!!!!






CAMISOLA ENTROIDO, modelo unisex.
Cores: nogueira azul royal.
Talles S, M, L, XL e XXL.

http://ozocogz-atenda.com/index.php?id_product=14&controller=product

CAMISOLA ENTROIDO, modelo moza.
Cores chocolate e vermella.  
Talles S, M, L, XLe XXL. 

http://ozocogz-atenda.com/index.php?id_product=15&controller=product





4ª edicion concurso micro-relato OZOCOgz


Ponse a andar a 4ª edición do concurso de micro-relato OZOCOgz.
Após o éxito de participación das anteriores edicións velaquí ven xa a nova edición do noso concurso literario.
Podedes atopar máis información na seguinte ligazón:
https://www.facebook.com/events/1052096331521628/




BASES 4º concurso micro-relatos OZOCOgz

1. Os micro-relatos deberán estar escritos en lingua galega. Deben ser orixinais, inéditos e non premiados nin presentados en ningún outro concurso ou certame literario.

2. A temática será o MISTERIO. Esta palabra ven do grego “mysterion”, termo que se identificaba co segredo, sobre todo co vencellado a cerimonias relixiosas que non eran públicas senón que se mantiñan rodeadas de hermetismo. Do grego pasou ao latín “misterium” co significado de aquilo que non se pode explicar, comprender ou descubrir. A efectos do noso concurso podemos entender a temática nun senso amplísimo. O mundo do paranormal coas súas ciencias ocultas, extraterrestres, adiviñadores e adiviñadoras, meigas e meigos; o mundo dos crimes tan ben reflectido nas novelas e nas películas do cinema negro ou o mundo enigmático, tan de moda na actualidade, da idade media e os seus códigos secretos... calquera historia serve.

3. Admitirase só un relato por autor ou autora.

4. A autora ou autor deberá cumprir cos seguintes requisitos con carácter obrigatorio. O non cumprimento dalgún destes puntos significa a non aceptación do seu relato no concurso:

- Ter cumpridos os 16 anos ou máis
- Ter un perfil en facebook
- Compartir o evento do concurso no seu “muro”
- Premer (de non telo feito con anterioridade) no "Gústame" da nosa páxina (FanPage):
www.facebook.com/desenho.galego 

5. A extensión máxima dos micro-relatos será de 140 palabras. O único xeito de facérnolos chegar, para garantir o anonimato, é a traveso dunha mensaxe na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz. Nesa mensaxe figurará tamén o nome do relato xunto cun seudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos o conto na páxina de facebook e máis na nosa web www.ozocogz.com.

6. OZOCOgz resérvase o dereito de non admitir a concurso aqueles micro-relatos que, entre outras causas, atenten contra o dereito á intimidade, honra e propia imaxe de terceiros/as, ou que conteñan connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios difamatorios ou calquera outros que atenten contra a dignidade.

7. Os/as usuarios/as de facebook poderán facer comentarios aos micro-relatos. Estes comentarios serán moderados por OZOCOgz. Os comentarios ou lecturas, sexa cal sexa o seu número ou texto, non implicarán de ningún xeito influencia na votación final.

8. O prazo de envío dos micro-relatos vai dende o 18 de xaneiro até o 30 de abril de 2016. O 17 de maio, Día das nosas Letras daremos a coñecer publicamente o nome do relato gañador, quedando por fixar por OZOCOgz unha data posterior para a entrega dos premios.

SELECCIÓN DO GAÑADOR OU GAÑADORA

9. O xurado está formado polas seguintes persoas: un/unha representante da "Livraria Suévia" da Coruña, un/unha representante da "Libraría Escolma" do Carballiño, un/unha representante da "Librería Miranda" de Bueu, un/unha representante da "Libraría Vagalume" de Lalín, un/unha representante da "Libraría Andel" de Vigo, un/unha representante da “Libraría Pedreira” de Compostela, a escritora Concha Rousia, a escritora Elena Gallego Abad, o escritor Fran Alonso Villaverde, o escritor e crítico teatral Camilo Franco Iglesias e o gañador da pasada edición do concurso José Manuel Vázquez Lorenzo.

10. Haberá dous micro-relatos premiados aos que corresponderán os seguintes premios: 

Ao 1 premio e relato gañador faráselle entrega dunha camisola OZOCOgz e un vale por unha estancia para dúas persoas por unha noite, con almorzo incluído, no Pazo da Almuzara, no concello ourensán de Boborás.

Ao 2 premio e relato finalista faráselle entrega dunha camisola OZOCOgz e un lote de libros doado polas librarías colaboradoras.

11. A decisión do xuri é inapelábel e irrevogábel podendo declarar deserta a totalidade ou algún dos premios no caso de non acadar a calidade necesaria.

12. Calquera cuestión non prevista nestas bases será interpretada e resolta por OZOCOgz en calidade de organizadora do concurso.

13. Todos os micro-relatos publicados pasan a ser propiedade de OZOCOgz, reservándose o dereito da súa publicación, tradución a outros idiomas ou difusión por calquera medio, citando sempre o autor ou autora dos mesmos.

14. O feito de participar implica a plena aceptación destas bases ou daquelas modificacións puntuais que puidesen xurdir no transcurso do concurso.

O Carballiño, 10 de xaneiro de 2016

Eladino Cabanelas
Responsábel de OZOCOgz



Aquela Galiza de entón...


Aquela galiza de entón... naceu na nosa páxina de facebook xa hai polo menos un par de anos.
A nosa primeira idea foi a dun concurso de fotografía na que os seareiros e seareiras da páxina nos enviasen fotos vellas acompañadas dunha pequena historia que contribuise a recuperar a vida destas antigas imaxes.

Máis como ás veces soe acontecer, a idea gustou e, algúns/as amigos e amigas ozoqueiras pedíronnos que continuaramos demandando fotografías. Nós que, ademais de sermos ben mandados, gustamos da proposta continuamos demandando as vellas fotografías que todas e todos temos nos faiados, nos baúles, nos armarios e/ou, hoxendía, xa dixitalizadas, nos nosos computadores.

Da páxina de facebook á web só hai un pequeno pasiño. Este que estamos a dar agora. Aquí iremos, a partires de xa, colgando as fotos e as histroias que nos queirades mandar.

 O procedemento é moi sinxelo. Mandades a foto por mensaxe ao facebook ou a ozocogz@gmail.com, nós poñemoslle unha marca de auga e o nome do propietario ou propietaria para que ninguén poida usala sen permiso e a gozar das fotos dun pasado non moi lonxano mais, que semella tan difererente.

Fotografía número 1 
 
MANIFESTACIÓN do 1º de Maio en Corcubión.
Trátase do ano 1936, meses antes da Guerra Incivil.
É propriedade de Luis Lamela un historiador Corcubionés especializado na memoria histórica dos tempos da guerra e da represión na postguerra. Escribeu libros coma: Foucellas, Pepe Miñones Un crimen en la leyenda, Crónica de la represión en la Costa da Morte...
A foto sacouna Ramón Camaño. Xa desaparecido que deixou milleiros de fotos da Costa da Morte e inexplicablemente esquecido polas institucións.


Fotografía número 2



Título: Familia dos setenta e tantos...
Lugar: O Carballiño / década dos 70
...Cando as políticas de incentivación da natalidade acreditaban co libro de familia numerosa a partir d@ cuart@ fill@...q staba en camiño...cando o aborto era impensable e o uso de métodos anticonceptivos convertíase nunha odisea á hora de mercalos...Cando saír a tomar un xeado era día de festa e os Xardíns, a estación e o Balneario eran lugar de encontro onde nenos e nenas principiabamos a nosa socialización interactuando de forma activa e participativa, lonxe das tecnoloxías e do... un pasito pasito para adiante e dous para atrás.

Fotografía número 3


Título: Unha nena feliz
Ano: 1972
Lugar: Barcelona

1972 en Barcelona cunha compi... ja ja ja ja vaia pintas... o meu bolsiño era vermello, canto me gustaba... Por certo, eu son a morena ja ja ja ja. Non vos perdades a cámara da miña compi, e os meus zapatos... Fun unha nena FELIZ... moi FELIZ !!!!!!!!!! Alédome partillar isto con vós !!!!


Fotografía número 4



Título: "Muebles PENICHE"
Ano: C.a. Finais dos 50, comezos dos 60
Lugar: Barra do Miño (Coles)
Aínda lembro (e eu nacín no 64) ir ás festas todos/as subidos na caixa do camión de "muebles Peniche", a fábrica de mobles onde o meu pai foi tallista até a súa xubilación. Naquela caixa íase ás romarías e ficoume gravada a imaxe dunha cadeira de madeira onde ía sentada, supoño que unha muller maior, mentres todos, xunto coas empanadas e demais viandas iamos de pé ou sentados no metal daquela caixa de transporte. Os da foto son a miña madriña Lucita, e logo o matrimonio composto por outra Lucita e o Pepe "o Bufo" gran asubiador. Estes dous, cuñados da primeira e xefes do meu pai.

Fotografía número 5
 
 

Título: Foto Bellas 
Ano: aprox. 1963/1964

Lugar: Ortigueira

Coma estóu sen dentes supoño que tería sobre 5 ou 6 anos, asique estaríamos falando do ano 63 ou 64. Era o día de “Reis”, daquela aínda non había “papá Noel”. Eu pediralles un “coche de capota” co seu boneco, pero o que me deixaron foi unha “silla de paseo” para a boneca que xa tiña, iso sí con “sombrilla"... Coma complemento miña nai calcetóu ese gorriño de lá e un xersei para min e outro para a boneca, ás agochadas, claro. Lembro que eran de cor azul.

Coma podedes ver o modelo de boneca dista moito das “Monsters High” que hoxe adoran as rapazas. Lembro que cando ma regalara miña madriña era case tan alta coma min e aquilo era o máximo.

 


Fotografía número 6


 



Título: Concha, Luís e Jaime
Ano: 1952
Lugar: A Hedreira, Concello de Avión,Ourense
Viaxes Luís era electricista. De novo, gabeaba coma ninguén polos postes de madeira dos tendidos eléctricos da Serra do Suído, con aqueles ferros dentados atados aos nocellos, que máis ben semellaban a boca dun crocodilo, e coa única seguranza dun cinto de coiro que o suxeitaba ao pau. Un día coñeceu a Concha, quen desde moi nena traballou arreo para axudar na casa, pois era a máis vella de tres irmáns e irmás e, tal vez, a súa única diversión era “escapar” os domingos para pasear co seu noivo.
Concha e Luis casaron en abril do 1952 e a súa lúa de mel foi ben curta: unha viaxe a Ribadavia. Logo, no verán dese mesmo ano, Jaime, un amigo, invitounos á súa casa, na Hedreira (concello de Avión) e alá marcharon.
Pode que hoxendía nos pareza unha viaxe sinxela de realizar, pero daquela, cando aínda as estradas eran camiños de carro, non existían teléfonos móbiles e quen tiña unha pequena moto, tiña un grande tesouro, ir desde Refoxo (Partovia, O Carballiño) ata o alto da Serra do Suído, tiña que ser unha viaxe ben dura. Non obstante, a satisfación que proporciona compatir amor e amizade, compensa sempre calquera esforzo. Os rostros de Concha, Luís e Jaime así o amosan.


Fotografía número 7
 
Título: Pura C., Eduardo e Pepiño.
Ano: 1935 ou 1936
Lugar: Ribadavia

A foto foi feita en Ribadavia no estudio Foto Chao, os cativos son miña nai Pura C. e os seus irmans Pepiño e Eduardo Rguez. Gallego. Penso que a foto fíxose no ano 35 ou 36. Mandei esta porque sempre me gustou moito.



Fotografía número 8 

Título: Dende pequerrecha
Ano: 1964
Propiedade: Diony Leningrad
Lugar: Barcelona

En Barcelona cos meus pais... unha xa era gordiña dende pequerrecha ja ja ja ja ja ja ja
 

Fotografía número 9

Título: Durmindo despois de comer
Ano: Ca. 1968
Lugar: Cee

Era a cama dos meus pais, non teño nin idea quen me sacou a foto, meu pai non tiña cámara, me supoño que foi meu tio que estaba en Venezuela, que cando viña non paraba de facelas, esas pernas que se ven teñen que ser da miña irmá, bueno e como vedes eu estaba como Dios durmindo, me supoño despois dun bo cocido como facía miña nai.

Fotografía número 10
 Título: Primeira comunión
Ano: 1961
Lugar: Partovia (O Carballiño)

Quizais un dos feitos máis ledizosos nunha famila fose a primeira comunión dunha crianza, sobre todo se era a primoxénita. E se a madriña da crianza era a súa tía – avoa, pois como que á tal madriña se lle enchía o peito de orgullo porque, ademais da crianza, da nai e do pai, ela era a protagonista.
Miña tía – avoa Luscinda para min era un mito e sígueo sendo: alta e forte, boa moza, sempre disposta a axudar á veciñanza, facía unhas filloas de sangue pola matanza que rezumaban xarope. Era unha mestra regando o millo, vixiando os regos e as atolas, nas que a auga tiña que parar, para que o pé da pranta quedase saciado naquelas tardes do verán... E carrexando os feixes da herba á cabeza, sen que nin unha muxica se movese máis ca outra!
Xosé Luis, meu irmán máis vello, miúdo e tímido, pero cun xenio vivo e un inxenio sen límites, retranqueiro e simpático, desconfiado e xeneroso, era daquela o segundo home da casa. Ou o terceiro, pois o avó Antonio era a primeira institución. (A avoa Benita era a raíña…).
Nesta foto, vestido de mariñeiro, meu irmán sentíase seguro a carón da tía Luscinda... Coma min. E contento por ser o centro de todas as miradas.
Nin ela nin el están xa aquí, pero hai moitas cousas que hoxe sei porque el e ela mas ensinaron. Quizais a mellor herdanza que se nos pode deixar sexa a disposición a axudar a quen nos rodea. A min deixáronma. Mágoa que ás veces non lle faga moito caso!

Fotografía número 11


Título: A pila de leña
Ano: 1956
Lugar: Refoxo-Partovia-O Carballiño

Hai cousas difíciles de describir. Unha delas é o sorriso que nos produce a felicidade. Outra é a ledicia da complicidade…
Rescatei isto dunha caixa de madeira que miña nai garda con moito agarimo, pois nela está gardada unha parte da súa historia e outra parte da miña. Aínda que, cando se fixo esta foto, eu tan sequera estaba en proxecto, pois o neno da foto é o meu irmán máis vello. O mozo é meu pai.
Daquela, fronte a casa do avó Antonio e da avoa Benita sempre había unha pila de leña para o forno onde se cocía o pan para toda a parroquia de Partovia e para parte doutras parroquias. O mundo daquela era moi grande... Xusto ao lado da leña había unha cerdeira que daba unhas cereixas moi saborosas e grandes. Lembro que de ben pequena, no inicio do verán, gabeaba pola pila para sentarme no máis alto e comer cereixas collidas directamente da árbore. E un día, esvarou un casqueiro e alá marchei ao chan, xunto coa leña! Pero volvín gabear ao día seguinte. E á semana seguinte. E ao ano seguinte… E mentres estivo alí aquela pila de leña…
Agora xa non hai nin leña, nin cerdeira… Nin pai, nin irmán. Fóronse. Pero alguén deixou testemuño daqueles momentos de ledicia que se podían vivir ao subir ao máis alto daquela pila de casqueiros.

Fotografía número 12
Título: Familia ou clan?
Ano: 1969
Lugar: O Torrón - O Carballiño

Xosé Luís e Elixio eran dúas persoas doces e agarimosas, cun corazón grandísimo e a quen a vida acabou por darlles máis desgustos ca ledicias, o que tal vez os levou a unha morte prematura.
Ana María tiña determinación e, moi nova, marchou estudar a Ourense, sen máis compaña ca a súa maleta, os seus lentes e un fondo sentimento de medo a perderse entre a xente da capital, pero soubo sacarlle á vida a forza necesaria para sobrevivir sen perder o sorriso.
Concha era unha nena tímida, mimosa e conquistadora pero que, pola calada facía as trasnadas máis inverosímiles, coma botarlle deterxente ás plantas para que medrasen ou sentar no peitoril dunha fiestra da planta alta da casa, cos pés colgando para fóra.
Cándido era o cómplice perfecto para as trasnadas de Concha, aínda que as máis das veces andasen a cotenadas. Hoxe en día conservan aquel toque de complicidade para ir levando o día a día.
Ricardo era un neno inconformista e rebelde, pero cunha dozura e unha retranca desas que dan que pensar e fan rir a gargalladas.
Antonio buscou o camiño da entrega desinteresada cara as minorías máis desfavorecidas de África e vagou por Zambia, aprendendo a vivir e vivindo dunha maneira sinxela, pero moi enriquecedora. Hoxe anda entre Madrid e o resto do mundo, coa maleta ás costas.
Lourdes pérdese polos recantos da nosa nenez, enchendo co seu longo pelo louro e co seu recendo a airexa das mañás e das tardiñas dos sábados e dos domingos.
Eramos felices. Máis ca familia, formabamos un clan, no que as crianzas máis vellas coidaban das máis novas, aínda que as máis das veces andasemos a liortas. Seguimos sendo felices. Supoño. Aínda que Elixio e Xosé Luís xa non estean…

Fotografías números 13 e 14
 

 
Título: O maior tesouro: a memoria (1 e 2)
Ano: anos 20 do século pasado
lugar: Ogas (Vimianzo)

Sempre me gustou fedellar por todas partes cando ía a aldea...fedellaba nos arcóns, fedellaba nos caixóns, fedellaba nos sobrados, fedellaba nos cabanotes...
Un día calquer de tantos remexendo nun caixón cheo de papeis sen aparente importancia atopeime cons estas dúas fotos que estaban desaparecendo materialmente...
Corrín a fume de carozo a xunta os meus avós e pedinlles que mas deixara que se estaban perdendo, que se estaban desfacendo que era unha mágoa, que había que recuperalas...
A primeira foto (esta) é do meu avó de cativo coa súa nai e a súa avoa, e dicer, a miña bisavoa e a miña tataravoa, nen dicer teño que nunca as coñecín mais que por esta foto...
A segunda é meu pai, estaba desfacéndose pola cara, é unha foto de cando ía ao seminario...
Sempre me gustou fedellar polos currunchos das casas dos meus avós na procura de tesouros...
velaí o mellor tesouro:
A memoria.


Fotografía número 15




Título: Para non perder a memoria
Ano: 1963
Lugar: Refoxo - Partovia - O Carballiño

Era moi alto. Ou a min parecíamo. Non era precisamente guapo. Nin fraco. Tiña o pelo escuro, crecho e espeso e un bigote moi negro. A súa fronte era ampla e despexada e por enriba das orellas asomaban timidamente os sinais brancos que vai deixando a madurez. Os seus ollos eran pequenos, escuros e profundos, uns ollos deses que semellan mirar sempre máis alá do que a realidade amosa. Tiña as mans gordechas, con dedos curtos e algo torpes.
Cada día chegaba ao meu refuxio, montado nunha flamante "Vespa" que deixaba arrimada á parede da casa do avó Antonio e, logo de xirar unha enorme chave na pechadura daquela pesada porta de madeira, dispoñía todo o necesario para que as imaxes roubadas á vida quedasen para sempre impresas no papel da memoria.
Aquel cuarto era un sitio tosco, cos muros de pedra e no que había dispostas varias pilas con líquidos que semellaban á auga. Non tiña adornos e estaba sito no baixo da casa da señora Vicenta, xusto debaixo da cociña, fronte á casa da avoa Benita.. Era un lugar frío e escuro, sempre coa porta aberta e cheo de cousas que non lembro para que servían. Aquela porta só se pechaba ás veces e, neses momentos, ninguén podía entrar. Soamente el. A min comíame a curiosidade por saber que facía o señor Ramón alí dentro pechado, so e frío, pero nunca puiden sabelo...
Ao pé da casa había un rego polo que corría a auga da poza do Freixo. El colocara nel unha tella redonda e moitas veces lavaba alí cousas e poñía unhas cuncas nas que recollía auga que logo levaba para aquel estraño cuarto.
Di a mamá que eu sempre fun unha nena moi curiosa e amigable, así que o señor Ramón tíñame por alí fedellando a diario e, como me deixaba, facíame fotos, supoño que para practicar. Conservo algunhas daqueles primeiros anos 60, dos que non lembro se sabía falar ou non. Nunca ninguén me dixo que eu fose de moitas palabras. Pero tanto ten.
O señor Ramón deixoume unha boa herdanza: imaxes da miña nenez impresas en papel. Para non perder a memoria…


Fotografía número 16

Título: Poñédevos guapos, que ven o fotógrafo.
Ano: 1930
Lugar: Listanco, Maside (Ourense)

Esta é a miña avoa con 5 anos, a súa nai e os seus catro irmáns. O único que está aínda con nós é o tío Jesús. Daquela as fotos non se facían con moita frecuencia, por iso a xente poñía as súas mellores roupas. Mirade que guapos estaban todos!!!



Fotografía número 17



Título: Tarde de festa.
Ano: 1963
Lugar: Sampaio, Lugo

As festas de antes non che eran coma as de agora. Os mozos poñían os traxes e peiteábanse ben. Algún ata botaba colonia... Velaí o meu pai... que guapo que era!!! Seguro que ese día ligou con algunha moza!!!



Fotografía número 18



Título: A nai que me pariu
Ano: 1973
Lugar: Punxín, Ourense

Esta é a miña nai na casa do pobo, casa na que ela creceu e na que eu pasei moitos veráns da miña nenez. Non hai moitas casas pero para min, cando era pequena, era coma un universo de grande!! Sempre había algún cadeliño na casa como o que sae na foto. Cantas veces caín por esas escaleiras mentres andaba a xogar!! A miña nai, muller moderna, levaba pantalóns, agora é mais de saia, pero os pantalóns ségueos levando, metaforicamente falando...



Fotografía número 19



Título: El Progreso
Ano: 1970
Lugar: Vilarmide, Lugo

O meu primo, xa era guapo de neno. Aí o tedes, enriba dun periódico e sen dicir nin pío. Penso que estaba lendo as noticias e como o molestaron para sacarlle a foto ata sacou o chupete da indignación!! Non me digades que non estaba ben abrigadiño con ese traxiño.



Fotografía número 20




Título: Sr. Ramón Borrajo.
Ano: 1964
Lugar: Refoxo - Partovia - O Carballiño

Tiña a penas 3 anos cando descubríu que súa irmá máis vella xa ía á escola e que, para elo, lle mercaran unha nova carteira e un paraugas. Eses obxectos parecéronlle os máis fermosos do mundo e, nun descoido de súa irmá, colleunos e con decisión, baixou as escaleiras da súa casa, informando a quen se cruzaba no seu camiño: “Eu tamén vou á escola”.

Na súa inxenuidade, desexou ser grande, ter un espazo no mundo das persoas maiores, pero non calculou ben as consecuencias de tan ousado feito. Súa irmá nunca lle perdoaría que ela se fotografase cos seus máis prezados tesouros: a carteira e, sobre todo, o paraugas.

Pasaron os anos e a Nena do Paraugas xa é maior. Aínda vai á escola e está convencida de que, o día que perdamos a infancia, perderemos a mirada limpa, ousada e sincera coa que, cando eramos crianzas, contemplabamos o mundo.



Fotografía número 21



ANDRÉS DO VIGO
Terras de Soneira
Anos 50 ou 60


A primeira achega para a colección após o concurso. Aínda que o propietario non dixo nada titulámola nós con ese nome porque era seu pai e, se mal non me trabuco, hoxe é un día especial para el.



Fotografía número 22



A VODA
Vilela (Punxín) Comezos dos 50.
Propiedade: Eladino Cabanelas.

Adro da Igrexa parroquial de Vilela. Os de adiante, os noivos, Laura e Benigno (meus pais) corenta anos despois naceu en Ourense un servidor. Case me custa escribir sobre a foto sabendo que os ciclos da vida xa non permiten que esteamos xuntos. Por vós!!


Fotografías número 23, 24, 25 e 26









Fotos antigas de Cee



Fotografía número 27

Título: Retrato de voda.
Lugar: Podería dicir Vilela (Punxín) mais mentiría porque estes retratos realmente eran debuxados. Os protagonistas son meus pais que por desgraza xa non están con nós, e o que se facía era levarlle unhas fotos individuais que logo o fotógrafo-retratista se encargaba de debuxar e unir. O meu pai sempre facía chanza deste retrato porque dicía que cando casou xa estaba calvo e, nembargante, aquí lucía un pelazo marabilloso.
Calculo que o ano debe ser o 52 máis ou menos (do século pasado, claro ;) )



Fotografía número 28
 
 

NÃO QUERO UMA BONECA

Eu não queria uma boneca.
E aprender a ser mamá.

Nem a escola de freiras
e os pecados mortais.

Eu não queria a carga
no corpo de nena
nem os vestidos
nem o lugar onde esconder-me
sem respirar.

Eu só queria o meu cole de bairro
e meter os pés nos charcos
e olhar para a frente.
E desejar muito e sem medo.

E colocar uma bomba no cu do patrão
e liberar o povo
dos malvados vampiros.
E que a merda estoupasse.

Eu queria o de ontem.
Exactamente isso,
estar exactamente nesse lugar,
Com o meu cão
baixo a chuva,
tranquila e molhada
Dois malucos por fim á intempérie.

E saber com certeza que estou de pé.
Que as freiras, os vestidos, as bonecas
e os medos e os pecados mortais
não valeram de nada.

Porque afinal já esquecí tudo,
Tudo menos o que não quero.
Isso eu sei muito bem.
E não não não não.
Não vou fazer.

Nota: não faço a mínima ideia de que boneca era essa da foto. Se calhar nem era minha. Se calhar, só ma colocaram para a ocasião.


Fotografía número 29



Aboa Abundancia. 

Supoño que a foto sería tirada en Ourense ou no Carballiño posto que Punxín era, e é, unha parroquia rural. Non cheguei a coñecela, nin a ela nin ao avó Adolfo. A foto tendo en conta que meu pai nacera no ano 1922 ten que ser de comezos do século XX ou finais do XIX.Encántame o vestido que leva. 


Fotografía número 30






Título: CON FLORES A MARÍA
Ano: 1968
Lugar: Partovia (O Carballiño)

Era costume daquela, cando a relixión era unha parte moi importante do acontecer diario das persoas, que as nenas, chegado o mes de maio, dedicasen todos os seus esforzos a aprender o catecismo, para facer a Primeira Comunión, e a recitar de memoria versos e poemas de loanza á Virxe, para logo, ao final do mes, vestir de branco inmaculado, con fita tamén branca, diadema ou coroa recollendo o cabelo (e mesmo con postizas ás de anxa) e subir a unha tarima ou escenario ao aire libre para declamar.
Conta a miña nai que desde ben pequena, cando apenas sabía falar, soñaba co tal evento e, tal era a miña teima, que mesmo aprendín aquilo (en castelán, por suposto) de “A tus pantas decosito un lamo de magalitas”. Supoño que se teño que facelo agora... en fin.
O caso é que o labor de ensaio era tarefa da mestra do meu pobo, dona Consuelo, de quen gardo a máis agarimosa das lembranzas, de quen acabei copiando a maneira de ensinar algunhas cousas e quen me ensinou a terlle cariño ao meu traballo. Sexa este o meu agradecemento pola súa contribución na miña formación como persoa e como docente, bastante lonxe hoxe en día, daqueles versos inmaculados.


Fotografía número 31



Fotografía aérea da Ría de Cee - Corcubión (ano descoñecido)


Fotografía número 32



Domingo de Ramos en Brens (Cee) 1970


Fotografía número 33



O Carballiño.
Finais dos 70, época na que os veraneantes viñan aos lugares onde os seus avós e avoas naceran e aínda gardaban respecto polas tradicións d@s antepasados e, a pesar de ser segundas xeracións no extranxeiro, este caso Cataluña, seguían sentíndose orgullos@s de ser galeg@s e lucían con orgullo a súa cultura!



Fotografía número 34



Lugar e data: SAN FIZ DO VARÓN (O CARBALLIÑO)
Finais dos 70 (s. XX)
 

 A imaxe de hoxe lévanos as Festas de S. Fiz do Varón, alá polos finais dos 70 principios dos 80, onde as festas eran para bailar, estroulear cativ@s e grandes, xuntarse tod@s nunhas boas pararotas e acabar cantando e tocando no palco, un palco artesanal feito cento por cento polos veciñ@s ! Un exemplo de que xunt@s facemos máis forza!


Fotografía número 35


 
Lugar e data: SAN FIZ DO VARÓN (O CARBALLIÑO)

Finais dos 70 (s. XX)

Aí vai outra da mesma tanda...era a época na que en todos os pobos aparecia un mozo rebelde "rocanroleiro" que se facía o amo da pista!
 



 Fotografías números 36 e 37





 

 Lugar e data: O CARBALLIÑO

Finais dos 70 (s. XX)
 

Finais dos 70, pasando os veráns, coma todos os anos na aldea materna.Todos os anos o pobo medraba e enchíase d@s net@s que viñan a estar c@s avós/avoas. Outr@s dende a outra punta da península trouxeron ese ano a gran novidade: a piscina. Acabouse o de ir ao lavadeiro do río a se bañar nesa auga que cortaba a respiración. Foi un espectáculo para tod@s poder disfrutar desta "piscina" en toda regla. Que felices eramos e con que forza revivía a aldea no verán. Época de xuntanzas,amizades de infancia e xogos que xamais esquecerei!

Cando despois do baño na famosa piscina os nosos estómagos ruxían e, coma bos irmáns improvisaban os maiores unha mesa para os/ s nenos/as..e algún máis de última hora, como a nosa Kikía, e seguiamos a disfrutar do día, da tarde e da noite...rebulía a aldea ata que rendid@s non quedaba máis que ir durmir ata o día seguinte...


  Fotografía número 38



Lugar e data: O CARBALLIÑO
Anos 50 (s. XX)
 

As mozas do rural vestidas para ir a algunha verbena...a pé e en grupo! A primeira da esquerda a miña nai ...


Fotografía número 39



 

Título: A Aguillada
Cando?: Arredor dos anos 50
Onde?: Parroquia de Sindrán - Monforte de Lemos

A AGUILLADA

A historia que vou contar ten que ver co rapaz de branco da foto e a muller de negro, súa nai, que aínda que semella unha vella, non ten mais de corenta anos nese intre, e o mozo menos de vinte. O home morrera na guerra civil e nunca coñeceu seu fillo, o cal nunca casou e viviu sempre xunto a nai. Morreu pouco despois dela.
Home forte onde os haxa, cando eu nacín el xa tiña case trinta anos. Lembro como movía el so o carro das vacas, metíalle a chavella no cabezallo e logo encaixaba o ombreiro debaixo, no ángulo recto que se formaba.
-Veña, nenos. -Dicía. -Vos puxade nas rodas.
Pero nos eramos uns cativos langarillas que estorbabamos mais que facíamos. El so, rousaba o carro e metíao na corte, no pendello ou na eira, puxando cara tras.
A devandita historia pasou uns anos despois da foto. Tiñan un pequeno horto pechado por paredes de pedra cheo de verdura que había que arar, pero a xogada das vacas, sempre tiñan unha parella de rubia pais XXL, (eu sempre lembro aqueles inmensos cornos), era moi grande pra virar dentro da horta e podía esnaquizar tódalas verduras, así que tiveron a ocurrencia de coller unha becerra nova que estaban a amansar e xunguila no xugo facendo parella co rapaz, xa home refeito. Parece ser que a idea foi de el, aínda que a nai non estaba moi convencida.
Había costume de usar unha vara cun cravo de ferro na punta pra guialas xogadas. Chámase “Aguillada”.
Meu dito meu feito.
El turraba xunto coa xata metendo o pescozo na torga e a nai guiaba o arado agarrando cunha man a rabela e coa outra a aguillada, pero en canto enterraba un pouco, aquilo non ía. Non se sabía quen podía menos, se a becerra ou o home. A vella picaba na vaca e dicíalle a el.
-¡Turra, filliño, turra!
Foi nunha desas, mentres o pobre animal (a becerra) tentaba esquivar, sen poder, os aguilloazos da muller e ela berraba.
-¡Turra, filliño, turra!
Cando el, no límite das súas forzas, dixo.
-¡Pícame! ¡Mamá! ¡Pícame!
A min o conto contáronmo, non estiven alí, era moi pequeno cando aconteceu, pero ninguén me aclarou se o horto quedou arado ou non.
Nin se chegou a darlle coa aguillada ao seu fillo.
Fotografías números 40, 41, 42, 43 e 44


 
FOTOS DE FAMILIA NUMEROSA (anos 60)
 

A primeira foto corresponde a meus país coa burra e os dous fillos maiores voltando dunha festa, un detalle curioso é que el é o que está na burra e a muller vai a pe.
A segunda é na que aparecen catro fillos con meus país, os tres maiores e a primeira nena.
Na terceira aparecen cinco, xa nacera a segunda nena.
A cuarta foto é a mais curiosa, xa non van todos ó fotografo e fan unha foto montaxe co meu irmán, que facía o sexto.
Catro anos despois nacecría eu, que xa nunca figurei en ningunha foto de familia numerosa e só aparezo nesa de estudio, sacada en "Arcadio" de Monforte, son o "rubito" que está riba da mesa.


Fotografía número 45



A foto non precisa de máis explicacións. Non credes?

Fotografía número 46


Anos 50.

Elvira Viñas (nai da dona da foto) e Joaquina Diz coidando os nenos da familia Vàzquez Cuervo.
En Sta Cristina de Lavadores. Vigo.



Fotografía número 47



1965
Son os meus avós voltando de París para Compostela, vese que de camiño tiveron que facer unha paradiña, jajajaja. Espero que vos guste.

Continuará...