Vémonos o 24 e o 25 de setembro en Lalín

Vai rematando o verán e con el as visitas ozoqueiras ao longo deste noso País.

Os días 24 e 25 (sábado e domingo) de setembro, e convidados pola organización da Feira do Vento, imos andar por terras lalinenses.

Deseguido, para ampliar información, transcribimos un artigo do Diario de Pontevedra onde se fai eco deste evento.


A Feira do Vento volve a Lalín con actividades e preto de 40 expositores

O evento levará a cabo o fin de semana da festa das Dores e os postos repartiranse en diferentes rúas da localidade 

A Feira do Vento volve a Lalín para complementar a programación das festas das Dores. O evento, que este ano cumpre a súa terceira edición, levará a cabo os días 24 e 25 e contará con diversas actividades e con preto de 40 expositores de creadores e artesáns. Nesta ocasión haberá tamén tres postos gastronómicos rueiros. Un deles estará centrado na comida sa e vegetariana, outro en doces, e non faltará un lugar onde se poderá degustar polbo.

Cruz López, directora de Artesa dás Artes, destacou que unha vez máis se apostará polos xogos populares: "O ano pasado puidemos ver a avós, pais e netos xogando. Son actividades que unen e queremos seguir recuperando este tipo de xogos". O programa tamén inclúe talleres de debuxo, de iniciación ao cabaret, un safari fotográfico, representacións de maxia e monicreques e unha actuación de Scene Ballet, que,como asegurou López, "están traballando nun número novo e especial". O sábado, ás 20.00 horas, recordarase á cantante Paula Sueiro, falecida nun accidente de tráfico.

PERSONAXES LALINENSES.
A lista da categoría Personaxes Lalinenses continuará crecendo. Á vintena de veciños do municipio que xa forman parte da mesma engadiranse dous nomes: o de José do Polo e o de Rosa a Dulceira. Cruz López destacou de ambos a súa popularidade no municipio: "José estivo moitos anos na hostalaría, na banda de música, e fundou a orquestra Caracas. Rosa fixo doces para todas as familias de Lalín durante 40 anos".

Na presentación da terceira edición da Feira do Vento tamén estiveron presentes o presidente da comisión das festas das Dores, Daniel Antelo, e o alcalde lalinense, Rafael Cuíña. O rexedor agradeceu o labor e o esforzo da organización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario