Chega xullo e con el, unha cita obrigada para todas e todos nós, o Día da Patria



Chega unha das citas máis agardadas do calendario de OZOCOgz, o 25 de Xullo, o Día da Patria, e con ela o, xa tradicional, FESTIGAL que acada este 2016, nada máis e nada menos que 3 lustros; 15 aniños de troula, cultura e fraternidade arredor desta data tan importante.

E como non podía ser doutro xeito, OZOCOgz volveremos estar o 25 co noso stand no espazo de tendas do Festigal, no Campus Sur de Compostela.



Trasladamos aquí parte do texto que figura na web oficial do Festigal:

O Festigal chega á súa xv edición con Kepa Junkera, Poetarras, Arrhythmia, Falua e Fran Amil.

 

No Festigal 2016 tocarán Kepa Junkera & Sorginak, Poetarras, Arrhythmia, Biribirlocke, Falua, Fran Amil e a Tribo Incomprensíbel, AldaoLado e Fanfarria Taquikardia. Ademais, nesta XV edición, abrirá Esposa, a banda gañadora do concurso Novos Valores, haberá un espectáculo de maxia con Martín Camiña e a charanga Os Campantes da Baña amenizará a festa.

 

fotografía © festi.gal

 O evento será o 24 e 25 de xullo, no campus sur de Santiago de Compostela e está organizado por Galiza Nova e pola Fundación Galiza Sempre. “O Festigal é un grande espazo reivindicativo e festivo arredor do Día da Patria Galega que une música, letras, ideas e debates; un escaparate da cultura do país que serviu durante estes anos para o lanzamento de grupos de artistas agora consolidados”, explicou Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova. “O reto deste ano do Festigal é incrementar as 20.000 persoas que asistiron na edición pasada”, engadiu.



Pola súa parte, Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre, agradeceu a presenza de 20 músicos e artistas que asistiron a esta presentación na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela e deu conta da variedade de estilos dos grupos musicais participantes. Postos de artesanía, eventos deportivos, obradoiros infantís e colectivos sociais que desenvolven o seu traballo polo país terán tamén espazo de seu no Festigal. Haberá unha zona de acampada cun prezo solidario e colaborativo de 3 euros, previa inscrición na web do Festigal.

 

 



Olalla Rodil, de Galiza Nova, destacou que a Galería das Letras e das Ideas terá como eixe tres figuras como Castelao, as Irmandades da Fala e Manuel María, que se están a conmemorar este ano. “O Festigal faise de maneira autofinanciada e autoorganizada, con máis de 300 pesoas voluntarias, que posibilitan que isto saia adiante”, concluíu.



Máis información na web do FESTIGAL.

Ningún comentario:

Publicar un comentario