Chega o III Tangaraño Cultural!!!



Por terceiro ano consecutivo OZOCOgz estará presente en Sobradelo (Xunqueira de Ambía) no TangarañoCultural
Que que é o Tangaraño Cultural?
O Tangaraño Cultural é un encontro de amigos e amigas en torno á poesía, en torno á música, á festa, en definitiva, en torno á cultura en clave País.
Convídovos a que botedes un ollo á programación e veredes como vos animades a acudir. 
Haberá recitais de poesía, concertos de música, obradoiros, pallasos, teatro, mercado e sobre todo, sobre todo alegría e amizade.
Tamén vos poderedes preguntar: e como xorde isto nun lugarciño como Sobradelo?
Pois como sempre acontece nesta nosa Galiza, grazas á xenerosidade de alguén, grazas ao compromiso de alguén. E este alguén non é outro (neste caso outra) que Rochi Nóvoa, unha poeta con maiúsculas (sempre gustei máis dicir poeta que poetisa, non sabería explicalo, quizais me pareza máis contundente), que amais quer, e así o fai, exercer de boa e xenerosa ofertando todo o que ten nunhas xornadas que han pasar á historia cultural de Galiza, e senón, tempo ao tempo.
Claro que só coa Rochi, por moito xenio e enxeño que lle bote, non podería ser suficiente para argallar un Tangaraño Cultural coa potencia e forza que este ten, non. Para isto conta coa complicidade, primeiro da súa familia, do clan, xente incansábel, traballadora, xenerosa, hospitalaria..., despois, por suposto dos veciños e veciñas de Sobradelo, da tribo orixinaria -rememorando a Manuel María neste seu ano-, da Ítaca das nosas saudades, da que sempre soñamos voltar. E por último, o grandísimo grupo de amigas e amigos que esta  muller foi e vai colleitando Galiza adiante, porque se algo sabe facer, amais de escribir formidabelmente, é facer amigas e amigos e, claro está, se estas amigas e se estes amigos teñen algo en común é o saber contaxiarse, o saber implicarse en proxectos da orixinalidade deste Tangaraño Cultural.
Cómpre algo máis?
Eu coido que con estes ingredientes só pode haber espazo para o divertimento e para a alegría; sempre e cando, por suposto, te achegues e te deixes contaxiar co andazo do Tangaraño de Sobradelo. Non te has arrepentir!!
E se aínda e así te arrepintes, se aínda e así vés e non che senta ben o Tangaraño, non teñas medo, sempre che queda o remedio santo de acudires ao San Benitiño da Cova do Lobo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario