ALIVIO, relato gañador da 3ª edición do Concurso de micro-relatos

O Carballiño, 21 de xuño de 2015 

Unha vez comprobadas e feita unha media coas puntuacións do xurado composto por as librarías Andel de Vigo, Escolma do Carballiño, Miranda de Bueu, Pedreira de Compostela, Suévia da Coruña e Vagalume de Lalín, xunto coa escritora María Reimóndez, e os escritores Xabier P. Docampo, Antón Riveiro Coello e Pedro Rielo, o relato gañador da 3ª edición do concurso de micro-relatos OZOCOgz foi “ALIVIO”, de José Manuel Vázquez Lorenzo, quen se presentou ao concurso baixo o seudónimo Mateolesmes

Parabéns ao gañador!!!! 

A entrega do premio farémola o vindeiro domingo 28 de xuño, a partires das 18:00 horas no Hotel Rústico Aldea Figueiredo, pertencente ao concello ourensán do San Amaro. 

*** 



ALIVIO, por Mateolesmes (José Manuel Vázquez Lorenzo)

Á tía Carme, que nunca fora máis aló de Noia nin pasara de Padrón, xamais se lle borrou do sentido aquela viaxe, inesquecible por interminable, que fixo a Vigo para despedir ao seu home, que marchaba para América. 
No máis fondo dos miúdos quedoulle espetado para sempre o mareo que a tirou na cuberta do vapor que os levou do Bodión ata Vilagarcía, onde colleron o tren para Vigo. 
Mimadriña! Que ghrande é Vigho!, pasmábase a tía Carme camiño da estación marítima. 
No peirao, mentres agardaban por embarcar preguntou, 
E logho aquelo que se ve é América? 
Non, oh, América é lonxe quinindiós, non se ve desde aquí; iso de aí élle Cangas, contestoulle un rapaz que agarraba dunha maleta. 
Aaah!, suspirou aliviada a tía Carme ao constatar que de América non se volvía así como así.

OZOCOgz no RE-ALIMÉNTATE Lalín 2015

Re-Aliméntate Lalín. Do 12 ao 14 de xuño, a carón da Praza de Abastos.
As xornadas culinarias Realiméntate dan "o paso natural" e saen dos fogóns e do mercado á rúa buscando a implicación de colectivos e da veciñanza.
O último día, o domingo 14 de xuño haberá un mercado con produtos de alta calidade, todo feito na Galiza, onde nos poderedes atopar promocionando os noso deseños ozoqueiros.

Máis información na seguinte ligazón: RE-ALIMÉNTATE