OZOCOgz no Festigal



Estamos ás portas do Día da Patria, celebración que na nosa empresiña imos compartir convosco pasando o día 25 no Festigal, cun stand de venda dos nosos produtos. Por alí nos vemos!

Para máis información sobre o Festigal, preme aquí.

Lembrade que OZOCOgz agora tén tenda en liña

OZOCOgz é unha empresa modestiña na que puxemos as ilusións e que pretendemos que, ademais de vender produtos que xiren ao redor da nosa cultura e lingua, tamén poidamos espallar un chisquiño esa nosa forma de ver o mundo, o xeito galego de vivir.

Para iso, puxemos en marcha un proxecto no que estampamos deseños moi nosos en camisolas ou outros produtos para a venda, e facémosvolos chegar do xeito máis doado posíbel e intentando sempre facilitarvos e facilitarnos as cousas. Agora, un paso máis nese obxectivo é a nosa tenda en liña. Non deixa de ser unha proposta sinxela, paso previo a unha futura tenda virtual xa co noso dominio; poderíamos dicir que é un "proxecto piloto" que nos facilitou algunha ferramenta dixital gratuíta.



Pois ben, eis o resultado, unha tenda virtual na que poderdes mercar algúns dos nosos produtos dun xeito sinxelo e directo. Tendes a ligazón aquí mesmo debaixo, ou ben no menú da vosa esquerda. Botádelle un ollo e xa nos diredes:

http://ozocogz.redtienda.net/


Domingo 6 de xullo: entrega do premio do 2º Concurso de Micro-Relatos

Esta fin de semana, concretamente o domingo día 6 de xullo, na Taberna Acevedo de Xunqueira de Ambía, entregaremos o premio ao mellor relato do 2º Concurso de Micro-Relatos de OZOCOgz.

Estades tod@s convidad@s!


Lembrámosvos o relato gañador, de Pedro Rielo:

O bisbar do vento sobre os mastros dos barcos soa como unha arpa que toca un músico sen faciana coñecida. Pero hai algo máis: a escuma que no caer das ondas recita versos dun poeta que só figura nos almanaques da memoria. E non é a única música. Alguén está a tocar o piano decididamente, coma un compositor que perdeu a cabeza por un amor contrariado.Ritmo que voga no bruar azul cobalto, mentres que as medusas namoradas bailan ao rente dunha buguina tecendo esculturas de salitre.Hai un náufrago como solista na orquestra do mar. Melodías acompañadas polas notas dos congros que tocan sen necesidade de ollar de esguello o pentagrama apoiado no fondo da area.O piano, seguramente caído dalgún barco, zoupa contra o acantilado do faro, cun repertorio que tan só precisa das mans alongadas das ondas.