Gañador do 2º Concurso de Micro-Relatos OZOCOgz

Por fin, unha vez puntuados por parte do xurado todos os micro-relato presentados á "2ª edición do Concurso de Micro-relatos OZOCOgz", e efectuada a correspondente media coas puntuacións, temos o pracer de declarar que o MICRO-RELATO GAÑADOR é:

CONCERTO DE MAR, presentado a concurso co seudónimo de CORSARIO DE FERRO por PEDRO RIELO LAMELA.

Moitísimos parabéns ao gañador!!!!


"O bisbar do vento sobre os mastros dos barcos soa como unha arpa que toca un músico sen faciana coñecida. Pero hai algo máis: a escuma que no caer das ondas recita versos dun poeta que só figura nos almanaques da memoria. E non é a única música. Alguén está a tocar o piano decididamente, coma un compositor que perdeu a cabeza por un amor contrariado.Ritmo que voga no bruar azul cobalto, mentres que as medusas namoradas bailan ao rente dunha buguina tecendo esculturas de salitre.Hai un náufrago como solista na orquestra do mar. Melodías acompañadas polas notas dos congros que tocan sen necesidade de ollar de esguello o pentagrama apoiado no fondo da area.O piano, seguramente caído dalgún barco, zoupa contra o acantilado do faro, cun repertorio que tan só precisa das mans alongadas das ondas."

Este é Pedro Rielo Lamela, o brillante gañador do noso concurso de micro-relatos:

Nado en Pontevedra en 1972, é un escritor e xornalista galego.
Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, realizou estudos de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela.

Como xornalista ten colaborado, entre outros medios, no Diario de Pontevedra, El Progreso, A Nosa Terra, La Voz de Galicia, O Correo Galego, Antena 3 TV, Televisión de Galicia e Galicia Hoxe.

Como escritor colaborou con poemas en revistas como Dorna, Microfisuras, Bravú e Barataria.

A súa obra está composta polas seguintes publicacións:
"Illado na incerteza", 2002, Espiral Maior. (poesía)
"As palabras furtivas", 2006, Espiral Maior. (poesía)
"Ovidio Murguía", 2004, Xunta de Galicia. (ensaio)

Rematado o prazo, 36 relatos presentados ao 2° Concurso de Micro-Relatos de OZOCOgz

Unha vez rematado o prazo de presentación de propostas para o 2° Concurso de Micro-Relatos de OZOCOgz, o número final de relatos presentados é de 36, todos dunha moi boa calidade literaria, inda que será ao xuri a quen lle corresponda decidir cal é merecente de gañar o premio.

Os relatos presentados podedes atopalos nesta ligazón ou ben premendo na caixa que figura no menú da esquerda, co nome do concurso.

Lembramos a composición do xurado:


SORTE A TOD@S @S PARTICIPANTES!