Domingo 6 de xullo: entrega do premio do 2º Concurso de Micro-Relatos

Esta fin de semana, concretamente o domingo día 6 de xullo, na Taberna Acevedo de Xunqueira de Ambía, entregaremos o premio ao mellor relato do 2º Concurso de Micro-Relatos de OZOCOgz.

Estades tod@s convidad@s!


Lembrámosvos o relato gañador, de Pedro Rielo:

O bisbar do vento sobre os mastros dos barcos soa como unha arpa que toca un músico sen faciana coñecida. Pero hai algo máis: a escuma que no caer das ondas recita versos dun poeta que só figura nos almanaques da memoria. E non é a única música. Alguén está a tocar o piano decididamente, coma un compositor que perdeu a cabeza por un amor contrariado.Ritmo que voga no bruar azul cobalto, mentres que as medusas namoradas bailan ao rente dunha buguina tecendo esculturas de salitre.Hai un náufrago como solista na orquestra do mar. Melodías acompañadas polas notas dos congros que tocan sen necesidade de ollar de esguello o pentagrama apoiado no fondo da area.O piano, seguramente caído dalgún barco, zoupa contra o acantilado do faro, cun repertorio que tan só precisa das mans alongadas das ondas.