As nosas tendas colaboradoras: Livraria Suévia

Continuando co noso percorrido polas tendas colaboradoras de OZOCOgz, paramos hoxe na cidade herculina, no concorrido barrio da Agra do Orzán, para visitar a LIVRARIA SUÉVIA, pequeno espazo cargado de lecturas amenas e non menos amenas actividades. E mesmo só con entrar nesta especial loxa, xa che agasallan cunha boa e interesante parola.


E entre libros, xoguetes en galego, produtos audiovisuais ou preciosas obras de amigurimi, podedes atopar tamén as camisolas de OZOCOgz. A Livraria Suévia especialízase en libro galego e portugués, e mesmo recollen encargas de libros que resultan difíciles de atopar. E case todas as semanas organizan algunha actividade cultural, polo que pasarse pola Livraria Suévia pode ser toda unha aventura.



Xa sabedes, se estades na Coruña ou pasades por alí, non dubidedes e facer unha visita a este punto neurálxico da literatura e a cultura de noso, na rúa Vila de Negreira, nº 32. Non vos habedes arrepentir.

Tamén podedes contactar por e-mail (livros.gz@gmail.com) ou ben por teléfono: 981 907 638.

* LIVRARIA SUÉVIA. Rúa Vila de Negreira, 32, baixo.
email: livros.gz@gmail.com / Tfno: 981 907 638




As nosas tendas colaboradoras: De Cotío

Vai chegando moi lentamente o bo tempo, mais pouco a pouco imos sentindo as raioliñas do sol que nos prepara para vivir novas aventuras. E hai que poñerse guap@s!

Imos facer un repaso polas nosas tendas colaboradoras, onde podedes atopar os nosos produtos.

Comezamos por De Cotío, unha tenda con encanto, situada no centro histórico de Santiago de Compostela. Neste establecemento poderedes atopar fermosas pezas de roupa, artesanía, abalorios, cerámica, música... Todo con moito aquel e coa esmerada atención do persoal de De Cotío.



Non dubidedes en pasar por De Cotío, na Rúa Xelmírez, 26, baixo, de Santiago de Compostela. Tamén vos podedes poñer en contacto a través do mail (decotio@gmail.com) ou por teléfono (981 560 796). En calquera caso atenderanvos con agarimo.



E non esquezades que en De Cotío podedes atopar as nosas camisolas, como ben se aprecia no trinque da tenda!


* DE COTÍO. Rúa Xelmírez, 26, baixo
email: decotio@gmail.com/ Tfno: 981 560 796

I CONCURSO DE MICRORRELATOS: VELAQUÍ O GAÑADOR!

Aquí está! Desvelado o misterio! O texto gañador do noso I Concurso de Microrrelatos! Parabéns!


*---*---*



O TRASNO DO DESERTO, por O Ferreiro


Dende que meu avó falou comigo, teño medo. Moito medo.

Existe, segundo o meu avó, un trasno que ten os ollos da cor do trigo e a pel seca do deserto. Longas cellas e uns brazos que se perden no firmamento.

Fala nunha lingua sen música que agroma dos seus feiticeiros beizos, e di el que aquel que a escoita perde o latexo do mar, dos montes e do ceo.

Di que polas noites murmúralle aos pais cousas estrañas, tamén a algúns nenos. E é por isto que na nosa terra o galego está desaparecendo.

O meu avó dime isto e faino moi serio.  Mais os meus pais din que son “tonterías, fruto de la mente de un viejo”.

Meu avó olla para eles en silencio.

E dende aquela cústame durmir, e teño medo, moito medo.


*--*--*


A persoa gañadora, correspondente ao alcume O Ferreiro, é: Miguel Ángel Alonso Diz. PARABÉNS!

A escolla foi ben dura. Non foi doado decidir. Podemos asegurar que a diferenza entre os 5 primeiros relatos clasificados foi de décimas de punto. Gran calidade o que, ben seguro, nos animará a continuar nunha segunda ocasión con este concurso.

Queremos parabenizar á persoa autora do relato gañador, e tamén ás outras 36 participantes, posto que participar, facéndoo ademais con textos de calidade, xa é un mérito merecedor de premio. Animamos a todas estas persoas a que continúen a súa labor creativa, na nosa lingua, cos nosos temas. É riqueza que engadimos á nosa bagaxe como galegos e galegas.

Agora queda o acto de entrega do premio, que anunciaremos en breve, en canto teñamos a data máis axeitada para xuntármonos "premiadores" e premiado.

Concurso de Microrrelatos: en breve a persoa gañadora (e manifestación pola lingua)

Xa sabemos que andades moi pendentes do resultado do concurso de microrrelatos. Non nos esqueceu, non vaiades pensar! Queríamos facelo coincidir cunha data significativa, e qué data máis significativa que o 17 de maio? Así será, o vindeiro 17 de maio, ademais de participar na manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego (a lingua hai que defendela), será o grande día no que anunciaremos a persoa gañadora do concurso. Xa queda menos!