Microrrelatos para o 1º concurso de OZOCOgz

Deixámosvos aquí os microrrelatos presentados ata o de agora para o concurso que andamos argallando na páxina de Facebook de OZOCOgz. Inda estades a tempo de vos presentar, non perdades a ocasión de demostrar o que sodes quen de facer coas palabras e coa imaxinación. As bases podedes velas aquí. Tendes tempo, o prazo remata o 25 de abril. Animádevos, botádelle imaxinación e escribide un relatiño. Podedes gañar un lote de libros e produtos de OZOCOgz.




RELATO Nº1
A GRÚA, por Néboa

- A grúa volviu fallar – dixo o encargado.
Non había día que non fallara.
- Eu xa lle dixen... – comezou o encargado.
El xa lle dixera que non era o sitio, fora un erro ampliar o peirao.
- Non comeces... – desesperaba o director.
Pero tiña que comezar, era o niño da serea, a ela non lle gustaban os barcos grandes aburridos; a ela gustábanlle os barquiños de cores cargados de homes fortes. Polas noites boicoteaba a grúa, non era de traballar pero o xenio podíalle.
- Vai haber que quitala – dicía o encargado.
- ¡É que non podo con el! – desesperaba o director.
Non podía pero as perdas acumulábanse e os socios pedían explicacións. Quitouna, claro que a quitou, cambiouna pola escultura dun mariñeiro guapo.
- É que é moi esixente – dicía o encargado.

RELATO Nº2
A FADA DO PENEDO, por Miñata Libre

Saio cada mañanciña para verte pasar. Sentada no meu penedo, mentres peiteo os cabelos dourados tan louvados polos poetas deste pobo…
Agarimo o aire que respiras, tezo un pano de arañeiras entre os fentos que che rozan o corpo ao pasares con paso decidido cara ao teu eido.
Suspiro mentres repaso unha e outra vez as verbas que che diría, as caricias que che regalaría se ti quixeses.
Invento cantigas de amigo e amor que che reservo só a ti, mortal. Ti, aldeán de ollada esquiva… que nunca me escoitarás nin poderás verme.
Eu, a Fada do Penedo, viva aínda na memoria colectiva deste pobo que se desfai en faragullas de modernidade…
Eu, a protagonista de tantas lendas narradas de avós a netos. A fermosa. A inalcanzable. A sedutora…
Namorada dun Home.
Sen esperanza. Sen amor.
Soa.

RELATO Nº3
MANOEL NON PERDE A ESPERANZA, por Olimpia

Xa era noite pechada en Viduido e Manoel tiña as orellas ben abertas para escoitar historias arredor do lume. As que máis lle gostaban eran as que falaban dos mouros que vivían no coto de Roca, non moi lonxe dalí. E tamén, coma cada noite, Manoel pensaba “de mañán non pasa, hei de ir ata Roca e facer un trato cos mouros”.
Dito e feito; aínda ben non cantara o galo, Manoel saltou da cama e nunha carreiriña dun can plantóuse no coto e dalí a pouco xa estaba tratando cun mouro. Manoel levaríalle unha empanada e en troques podería escoller unha peza do tesouro da Mourindade.
Chegou á casa coa lingua de fóra berrando “mamá, mamá, faime unha empanada!!!!!!
Manoel esperta! Díxolle a coidadora que xa precisaba aos seus noventa anos. Ai!!! Outra vez facendo tratos cos mouros?

RELATO Nº4
O MEU CAN, por EnCantado

Era un can pequeno, de pelo escuro, entre negro e marrón. Moi expresivo, saltaba de alegría cando me vía e gustáballe lamberme as mans e ata a cara se o deixaba. Sempre o deixaba.. 
Atopeino no monte un día que eu tamén andaba perdido e tróuxeno para a casa. Non llo dixen a ninguén, agocheino na palleira e ás noites levábao para a cama envolto nunha chaqueta sen que me visen os meus pais. 
Hai tres días que desapareceu. Non sei se mo roubaron ou escapou e o matou un coche. Na casa non entenden por que choro, e non me creron cando llo contei.
Esta noite tiven a certeza de que estaba na cama comigo, lambeume, faleille, aloumiñeino, ata me rabuñou un pouco... pero cara a mañá venceume o sono e cando acordei non estaba.

RELATO Nº5
ÁNIMAS, por F. Lugosi

Cando saquei o reloxo de peto, acordeime de Isolina e os seus ollos chameantes. Na Tasca apurei a cunca de viño e as últimas pingas do mencía caían como illotes na camisa, debido a que tiña o pipo cheo e a cabeza como unha buxaina. No exterior noite a luz da lúa chea abrazaba unha néboa extravagante, recreando unha atmosfera pantasmal.
Nos torpes pasos azocados de volta a casa ía acompañado por frondosas árbores. Na soidade imaxinaria empecei a lembrar aquela historia da Santa Compaña e un terrible frío aloxouse no meu corpo. Os ruídos nocturnos aumentaban e as visións de imaxes animadas entre as carballeiras fixéronme presa fácil do medo.
Fuxín baixo a sombra espantosa de grotescas figuras, tintineos e fúnebres rezos. Unha forza reveladora atrapoume e caín. O día seguinte aparecín morto cunha silveira enganchada nas costas.

RELATO Nº6
A NEGRA SOMBRA, por Mencer

Aparecía cada noite, tinguida de negro, polos camiños perdidos das aldeas. Era pranto, liberación, impotencia e tristura, lembranza e dor. Era como a densa brétema dun día de inverno. Unía e separaba ao unísono, lugares, mundos  e persoas que non eran quen de ollarse na claridade da luz. 
Aquela noite viña na procura dela. Un calafrío recorreu o seu corpo enteiro, sentiu treme-los pés, logo as pernas deixaron de responder. Os seus brazos tamén perdían folgos ó mesmo tempo que a súa cabeza se esvaecía. 
Era a negra sombra que a acollía nos seus brazos, a frialdade feita calor. Era vento enfurecido e ramas rotas, era o tránsito entre a vida é a morte. A Santa Compaña guiábaa no camiño de non retorno, os ecos dicían: “A peor morte non é está, senón a de quen en vida morto está”.

RELATO Nº7
UN COMEZO DA NOSA HISTORIA, por Éire

Logo dun tempo de dar voltas ós seus anhelos, despois dunha tenra e dura separación, dende a torre ollaba Breogán alonxarse a Ith e ós seus cara á lonxana Terra do Norte. Non imaxinaba que estaba no nacer da conquista, ás veces forzada, outras sinxelamente desexada, doutras terras, doutros mundos, doutras vidas, pola súa xente. Ás veces, con desgraza, como o camiño que Ith estaba a comezar baixo aquela suave brisa que animaba a remar; outras, con traballo tamén, pero con sorte, como despois de insistir conseguiría Mil. Sempre, escoitando o son rumoroso no corazón. Sempre, tecendo arredor das terras e dos mares unha rede de xente que si nos comprende. 
Tampouco imaxinaba que a fazaña sería lembrada naquela terra e esquecida na súa, como tantas outras ó longo do tempo...

RELATO Nº8
A SANTA COLADA, por Remoquete

O día que a Santa Compaña viu buscar ao meu pai, todos quedamos abraiados ao atoparnos cunha ringleira de defuntos vestidos de rosa.
Parece ser que o día anterior foran recoller ao dono dunha tinturaría en Baiona, así que aproveitaron para limparlle o po a súa tétrica roupaxe.
O dono, pouco agradecido coa viaxe que lle tiña preparada a comitiva, botou na lavadora unha peza de lencería vermella dunha querida que tivera.
Como resultado, a temible marcha dos mortos semellaba un desfile de Agatha Ruíz de la Prada.
Por iso, o día que a Santa Compaña viu buscar ao meu pai non marchou con eles, xa que coas gargalladas recuperou os folgos perdidos.

RELATO Nº9
MARÍA SOLIÑA, por A eterna namorada

Condenáronme por bruxa cando en realidade o que querían eran as miñas riquezas!
O que non sabía ese fato de malnacidos era que a min tanto me tiñan os bens materiais e o poder. Perdín o meu home no mar, e cada noite, á luz da lúa, de pé, descalza á beira do mar, mentres as ondas baten nos meus pés e se escorrega a escuma entre as miñas dedas, eu sigo vagando e agardando o seu regreso.
María Soliña me chaman, pero non estou soa, non, acompáñame a esperanza de saber que o meu amor endexamais me poderá ser arrebatado.
Roubástesme a vida, pero nunca conseguiredes acabar coa miña alma namorada!

RELATO Nº10
TARDE PIACHES, por Vitruvia

A San Andrés de Teixido vai de morto o que non foi de vivo, e alá que me fun; mellor ir agora que convertido en Deus sabe qué besta. No canto de chegar vin un milladoiro. Busquei unha boa pedra, mais ó ir collela decateime do difícil de tal empresa coas pezuñas.


RELATO Nº11
PEPIÑO, por Isoel

Pepiño non podía durmir. Ergueuse da cama e foi cara o balcón do quinto piso no que vivía para votar un cigarro deses que tanto lle prestaban cando o sono xogaba con el ás agachadas. Xa dende os seus días no barco descansar unha noite era un imposible. Nin cando o xubilaron polo seu cansado corazón foi quen de facelo. E esa noite non ía ser diferente.

Un movemento o lonxe fíxolle volver dos seus pensamentos. Luces na distancia movéndose acompasadas. O seu corazón empezou a latexar sen control e a súa mente non podía deixar de repetir ¡A Santa Compaña! ¡A Santa Compaña! Mentres caía fulminado ao lonxe a procesión de Semana Santa, que facía máis de vinte anos que non se celebraba, daba voltas o redor da igrexa coas velas acendidas pedíndolle o Santísimo unha vida mellor.


RELATO Nº12
MENCER, por Nipis

O mozo ollou pras estrelas, no horizonte víase o Carro posto de pé. A estrela Panadeira no monte Cara indicaba a posición do seu poboado.

Acompañado do bardo, e ca espada de bronze no seu zurrón, e as derradeiras verbas do druida na mente, botou a andar.

Lonxe quedaba súa viaxe ata a terra alén do mar. Seu corpo canso e curtido, a pel do lobo branco no hombreiro, e nos ollos unha mirada triste e leda ó mesmo tempo...

A chaira agardaba súa chegada dende sempre. A auga clara do regato marmullaba nas raíces dos salgueiros, entre as poldras.

Mentres o Freixo, cos primeiros gromos do ano, ós pés da mámoa da Pedralta, saudaba a saída do Sol.

RELATO Nº13
AUGURIOS NA NOITE, por Tristura

Era unha noite de lúa. Unha desas noites nas que o claro resplandor da lúa acompaña o silandeiro quefacer das almas solitarias. O rumor das escuras augas do porto segue o compás dun lamento que xorde no peito dun dos seus fillos.

Un home, forte cal tempestade, chora bágoas de sal. Miúdas pingas que descenden ao húmido leito no que cavilaba sepultarse xunto coa súa desesperanza. Máis as trémulas augas acougan o seu ánimo, arrolan o seu espírito atormentado e traen consigo a esperanza.

A noite, sen embargo, ten outros plans para el. Dous lóstregos de metal irrompen na escuridade. Un deles vén prendido da man dun embozado que nada ten que perder. O outro encabeza a fúnebre marcha dunha comitiva que pasa co seu monótono murmurio, deixando tras de si o lene cheiro das candeas acendidas.

RELATO Nº14
A MOURA DO PICO SACRO, por Artekille

Din que as covas do Pico Sacro van dar máis aló do Gundián, por debaixo do río Ulla; non sei se será certo, pero vouvos contar o que lle aconteceu por aló a un coñecido do meu pai. 
Susiño non tiña máis de catorce anos, e como cada día levaba as vacas aos prados do Pico. 
A primeira vez que viu a moura pareceulle non máis ca un veo transparente que o chamaba. Despois viuna moitas veces máis, e cada vez máis clara e máis fermosa. 
Tal día decidiu seguila, e foi após ela pola cova de San Sebastián. Seguiuna pola pedra fría e escura das entrañas do monte, cun frío tal que semellaba a morte. 
O corpo de Susiño atopárono no río, dous días despois, cun veo transparente anodado na gorxa, e cos ollos abertos coma se o chamaran.

RELATO Nº15
O TRASNO DO DESERTO, por O Ferreiro

Dende que meu avó falou comigo, teño medo. Moito medo.

Existe, segundo o meu avó, un trasno que ten os ollos da cor do trigo e a pel seca do deserto. Longas cellas e uns brazos que se perden no firmamento. 

Fala nunha lingua sen música que agroma dos seus feiticeiros beizos, e di el que aquel que a escoita perde o latexo do mar, dos montes e do ceo.

Di que polas noites murmúralle aos pais cousas estrañas, tamén a algúns nenos. E é por isto que na nosa terra o galego está desaparecendo. 

O meu avó dime isto e faino moi serio.  Mais os meus pais din que son “tonterías, fruto de la mente de un viejo”.

Meu avó olla para eles en silencio. 

E dende aquela cústame durmir, e teño medo, moito medo.

RELATO Nº16
CAMBIO DE ROL, por A malfadada fada


Ía frío. Enroscou a bufanda no pescozo e saíu, como todas as noites. Mais esa noite non sería igual. Non podía seguir así. A súa conciencia non aturaba xa tanto peso. O seu soñar enchíase de pesadelos, como se un tardo verde e peludo o estivese a visitar mentres durmía.
Pensou nos demais. No seu mundiño o rol de cadaquén estaba ben definido desde había moito tempo, e non ían entender tan doadamente un cambio como este. Peor para eles.
Achegouse á casa de Mariña. Ela sería a primeira, porque alí a súa lingua nunca topara sal, senón marmelada. Entrou no cuarto da nena, inclinou un chisco a testa e o seu corno mouro, virado en cornucopia infantil, comezou a deitar non auga, senón caramelos, regalicias e lambonadas varias.


Dende entón todos os nenos arelan a visita do Gatipedro.

RELATO Nº17
NA FRAGA ENMEIGADA, por Toma Figa!


Arfando, sen folgos, mais tiña que continuar. Deterse era a morte segura, ou algo peor. A única posibilidade era atopar o esconxuro para desfacer o feitizo. Mais para iso antes tiña que dar saído desa maldita fraga. Correr e correr sen mirar atrás. Mil ollos axexando entre as negras sombras.
Seguir, xa faltaba pouco. Desfixérase dos trasnos lanzándolles lentellas (aínda debían andar a contar nelas), dunha moura facéndolle a figa e da Santa Compaña trazando o risco de Salomón. Polo corno da vacaloura, non desfalecer agora!
O ataque do lobishome pillouno por sorpresa, mais cunha manobra digna do mesmísimo Sandokan conseguiu facerlle sangue e quitarlle a fada. E entón, cando xa se cría a salvo, cando xa vía a luz ao final da fraga, veu o Papón e papouno.
Merda, na puta vida daría pasado ese nivel!


RELATO Nº18
NON ME ESCOITAS; NON ME VES, por Xoel-Xián Boeiros


Nin se che ocorra atender outra vez ao wassap. Deixa que o móbil asubíe o que queira. Que nin mires para a pantalla che digo. Dáme igual que ese chifre che indique que alguén che mandou unha mensaxe ao facebook ou que houbo quen tivo o pouco gusto de rechouchiar algunha parvada que escribiches no twitter. Agora estás diante miña e quero que me atendas. Acaso non tes dó de min? Antes de que chegasen os mancontros intelixentes sentía como me mirabas, como nin pestanexabas durante horas na miña compañía. E agora que, todo acabou? Non dás sentado a tres metros de min sen ter o teléfono na man. Síntome vella e obsoleta. Prendida só para facer barullo. E non é xusto. Eu vallo moito! Teño pantalla plana, ambilight, dolby surround, entrada de usb e tdt integrada.

RELATO Nº19
TERRA MEIGA, por Fuser 


Tremía co medo, caira a noite camiño da casa. No seguinte paso, ¡zaas! ¿onde pisei? ¡un tardo! Noxento, cos dentes aínda máis longos cás barbas. Patalexando co pánico por ceibarme del, de súpeto, antre o corpo da lúa, víase vir un nubeiro, enfurruñado. Sen quér, non sei se pola estela ou polos raios, zafoume del. ¡agora ou nunca! E coa perna ferida botei a correr, ata que a rolos, remato nun río, tinguíndoo de vermello na pelexa por saír del. Loitando con dous xancios na beira que non me deixan erguer, afundíndome con eles. Ao lonxe unha luz... eeehh, envolta en ducias de avelaiñas... ¡non! ¡a santa compaña! ¡noooon!
Hoxe aínda mexo coa risa dende a miña xanela, ollando o monte, onde nin trasnos nin demos nin nada. Só unha terra meiga na que vivo, de meigas ateigada.
 

1º concurso de microrrelatos de OZOCOgz

Tras o éxito acadado co primeiro concurso de OZOCOgz, no que moitas e moitos de vós participástedes, imos por en marcha outro. Neste caso imos pedirvos que usedes a vosa imaxinación e as vosas habelencias coa escrita para poderdes gañar un estupendo lote de libros achegados polas librarías colaboradoras xunto con produtos zoqueiros. 

Anímadesvos a participar? Velaí as bases do 1º concurso de microrelatos OZOCOgz: BASES

Contamos cun magnífico, xeneroso e marabilloso xurado: As librarías Escolma do Carballiño, Aira das Letras de Allariz e Suévia da Coruña; as escritoras e o escritor: Marta Dacosta, Paula Carballeira e David Otero; e por último, os máis humildes nós, OZOCOgz. 



Se alguén de vós ten dificultades para acceder ás bases coa ligazón anterior pode lelas aquí: 

BASES 

1. Os microrelatos terán que estar escritos en lingua galega. Deben ser orixinais, inéditos e non premiados en ningún outro concurso ou certame literario. 

 2. A temática será sobre o lendario popular galego, é dicir, relacionado con lendas e contos populares. As mouras, o lobishome, as meigas e meigallos, as rochas, castros e montes encantados poden axudar á hora de inspirarte. 

3. Admitirase só un relato por autor/a que deberá cumprir cos requisitos de ser maior de idade, ter un perfil en facebook e premer (de non telo feito con anterioridade) no "Gústame" da nosa páxina

 4. A extensión máxima dos microrelatos é de 140 palabras. O único xeito de facérnolos chegar, para garantir o anonimato, é por unha mensaxe persoal na páxina de facebook de OZOCOgz. Nesa mensaxe figurará tamén o nome do relato xunto cun seudónimo, que será o nome que usaremos na publicación na páxina de facebook. 

5. OZOCOgz resérvase o dereito de non admitir a concurso aqueles microrelatos que, entre outras causas, atenten contra o dereito á intimidade, honra e propia imaxe de terceiros, ou que conteñan connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios difamatorios ou calquera outros que atenten contra a dignidade de terceiros. 

6. Os/as usuarios/as de facebook poderán facer comentarios aos microrelatos. Estes comentarios serán moderados por OZOCOgz. Os comentarios ou lecturas, sexa cal sexa o seu número, non implicarán de ningún xeito influencia para a votación final. 

7. O prazo de envío dos microrelatos irá dende o 14 de xaneiro até o 25 de abril, quedando por fixar por OZOCOgz unha data posterior para a resolución do concurso e outra para a entrega dos premios. 

8. O xurado estará formado polas seguintes entidades e persoas: un/unha representante da "Livraria Suévia" da Coruňa, un/unha representante da "Libraría Escolma" do Carballiño, un/unha representante da "Libraría Aira das Letras" de Allariz, un/unha representante de OZOCOgz, a escritora Marta Dacosta, a escritora Paula Carballeira e o escritor David Otero. 

9. Haberá dous premios. Un PRIMEIRO que será obsequiado cun lote composto por produtos de OZOCOgz e libros; e un SEGUNDO composto por libros e unha bolsa de algodón de OZOCOgz. 

10. A decisión do xuri é inapelábel e irrevogábel podendo declarar deserto algún dos premios no caso de non acadar a calidade necesaria. 

11. Calquera cuestión non prevista nestas bases será interpretada e resolta por OZOCOgz en calidade de organizadora do concurso. 

12. Todos os microrelatos publicados pasan a ser propiedade de OZOCOgz, reservándose o dereito de publicación, transformación noutros idiomas ou difusión por calquera medio, citando sempre o autor ou autora dos mesmos. 

13. O feito de participar implica a plena aceptación destas bases ou daquelas modificacións puntuais que puidesen xurdir no transcurso do concurso. 

 O Carballiňo / Teo, 10 de xaneiro de 2013

O agasallo de Reis de OZOCOgz

Os Magos quixeron adiantarse e achegáronse a OZOCOgz. Deixáronnos un recortábel coa imaxe do coche zoqueiro para que vos entreteñades mentres agardades a Noite de Reis.

Agardamos que vos deixen moitos agasallos zoqueiros. Mentres, imprimide este recortábel, pegádeo nun papel un chisco máis groso, recortade e construíde o voso coche, xa veredes como mola ao lado do voso computador, ou onde vós queirades.

E se aínda non escribíchedes as vosas cartas, aínda estades a tempo de pedirlles produtos de OZOCOgz!