Estamos de aniversario!

Hoxe hai un ano botaba a andar formalmente esta aventura que é OZOCOgz. Unha empresa pequena, feita desde a ilusión e as ganas de alegrar o mundo desde unha perspectiva galega, moi galega.
Desde entón coñecimos moita xente, vendimos camisolas, sacamos novos deseños, organizamos pequenos concursos e eventos culturais... moi gratificante todo, si. Só por iso xa pagou a pena chegar até aquí. Mais queremos seguir!

Moitísimas grazas a todas as persoas que fixeron posíbel este aniversario, de entrada agradecémonos mutuamente as persoas que formamos OZOCOgz aquela primeira proba e o que veu despois, mais tamén queremos agradecer ás tendas colaboradoras que se animaran a facer este camiño connosco. A súa axuda e o seu ánimo é fundamental tamén para esta empresa.

Finalmente, queremos mandarlle un GRAZAS enorme a todas as persoas que nos teñen apoiado, suxerindo novas ideas, visitando a páxina web ou os perfís das redes sociais, interaccionando connosco nas festas e eventos onde participamos e, como non, mercando os nosos produtos. Sen vós non sería posíbel.

Como se di neste noso marabilloso País: De hoxe nun ano!