I CONCURSO DE MICRORRELATOS: VELAQUÍ O GAÑADOR!

Aquí está! Desvelado o misterio! O texto gañador do noso I Concurso de Microrrelatos! Parabéns!


*---*---*



O TRASNO DO DESERTO, por O Ferreiro


Dende que meu avó falou comigo, teño medo. Moito medo.

Existe, segundo o meu avó, un trasno que ten os ollos da cor do trigo e a pel seca do deserto. Longas cellas e uns brazos que se perden no firmamento.

Fala nunha lingua sen música que agroma dos seus feiticeiros beizos, e di el que aquel que a escoita perde o latexo do mar, dos montes e do ceo.

Di que polas noites murmúralle aos pais cousas estrañas, tamén a algúns nenos. E é por isto que na nosa terra o galego está desaparecendo.

O meu avó dime isto e faino moi serio.  Mais os meus pais din que son “tonterías, fruto de la mente de un viejo”.

Meu avó olla para eles en silencio.

E dende aquela cústame durmir, e teño medo, moito medo.


*--*--*


A persoa gañadora, correspondente ao alcume O Ferreiro, é: Miguel Ángel Alonso Diz. PARABÉNS!

A escolla foi ben dura. Non foi doado decidir. Podemos asegurar que a diferenza entre os 5 primeiros relatos clasificados foi de décimas de punto. Gran calidade o que, ben seguro, nos animará a continuar nunha segunda ocasión con este concurso.

Queremos parabenizar á persoa autora do relato gañador, e tamén ás outras 36 participantes, posto que participar, facéndoo ademais con textos de calidade, xa é un mérito merecedor de premio. Animamos a todas estas persoas a que continúen a súa labor creativa, na nosa lingua, cos nosos temas. É riqueza que engadimos á nosa bagaxe como galegos e galegas.

Agora queda o acto de entrega do premio, que anunciaremos en breve, en canto teñamos a data máis axeitada para xuntármonos "premiadores" e premiado.