OZOCOgz no Culturgal

Esta fin de semana (30 de novembro, 1 e 2 de decembro) celébrase en Pontevedra, un ano máis, o Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galiza. 


Culturgal é unha gran casa construída entre os distintos gremios da cultura: libro, creación audiovisual, artes escénicas, música, deseño, internet e novas tecnoloxías. Un fogar coas portas e ventás abertas sempre cara á sociedade. Un evento único, de periodicidade anual, que chega á súa quinta edición consolidado como a gran cita das industrias creativas en Galicia.




A Feira das Industrias Culturais de Galicia é moito máis que un encontro profesional. Culturgal é unha romaría á que acoden cada ano miles de persoas para coñecer de primeira man as novidades editoriais, o último en música, o glamour do audiovisual, a maxia das artes escénicas, os avances das novas tecnoloxías e mesmo as propostas máis marxinais en tres días de actividade sen tregua. Tres días de intenso traballo conxunto que convirten tamén a Feira nun lugar de encontro privilexiado para os axentes do sector, un espazo para a reflexión e a aprendizaxe, no que intercambiar experiencias e imaxinar novos proxectos baseados na colaboración e no apoio mutuo.





OZOCOgz, como proxecto de deseño galego que está botando a andar, vai participar nesta grande cita cultural co seu propio stand, na zona chamada "Garaxe", porque aposta por un grande evento no que a cultura e a lingua do país exprésanse mediante todo tipo de ferramentas, e nós tamén queremos achegar a nosa propia colleita.



Nós xa temos o camión cargado de material para prepararnos para as vosas visitas. Teremos os nosos produtos, os que xa coñecedes, e algunha que outra sorpresa. Non deixedes de pasar polo stand de OZOCOgz, inda que só sexa para saudar!





Buscádenos nas redes sociais!

En OZOCOgz cremos nas redes sociais como ferramentas proveitosas de comunicación. Cada día, miles de persoas acceden a diversos foros e redes sociais para deixar ou recoller información, e iso mesmo fai OZOCOgz cada día, nas diversas redes sociais das que forma parte.

Nestes puntos de encontro virtuais deixamos imaxes gráficas, curiosidades, convocatorias a eventos, e, como non, a nosa propia promoción dos produtos que ofrecemos.

Convidámosvos a pasarvos por estas redes sociais e visitar os nosos espazos. Nomeadamente nas redes sociais galegas Cabozo e Latri.ca. Non vos conformedes con ver o que alí ai, interactuade! Estamos agardando con moito interese as vosas achegas.

Estas son as redes sociais nas que podedes atoparnos:

Redes sociais mundiais:
Facebook
Twitter
Google+

Redes sociais galegas:
Cabozo
Latri.ca

14-N Folga Xeral!

OZOCOgz non traballará o 14 de novembro e convídavos a que fagades o mesmo.

Secundade a greve e as manifestacións que, co gallo da mesma, haxa pola vosa zona.

É máis importante pechar un día para dar un toque de atención aos poderes económicos e gobernos causantes da crise antes de que eles cho dean a ti obrigándote a pechar para sempre.

E se non te sentes ameazad@ bota unha man a quen si o está. Sé solidari@! Só coa solidariedade de tod@s seremos quen de dicir: Basta Xa! e conseguir parar esta situación.




A Pregunta Semanal de OZOCOgz

Desde hai unhas semanas vimos levando a cabo un concurso en Facebook polo que podedes gañar unha camisola do Matraquinho. Participar é ben sinxelo. Só tendes que respostar correctamente cantas máis mellor das preguntas que todos os luns facemos na nosa páxina de Facebook.

Cada semana facemos unha pregunta ben relacionada coas imaxes dos nosos produtos, ben coa cultura galega en xeral. A persoa que máis respostas acerte (se hai máis dunha persoa, farase un sorteo) será a que gañe a camisola do Matraquinho no talle e cor que desexe. Así de simple. As únicas e imprescindibles condicións para participardes no noso concurso son que lle teñandes dado ao "Gústame" na nosa páxina de Facebook e que respostedes ás preguntas só unha vez por semana.

Porqué non vos animades? Inda estades a tempo!