OZOCOgz no Culturgal

Esta fin de semana (30 de novembro, 1 e 2 de decembro) celébrase en Pontevedra, un ano máis, o Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galiza. 


Culturgal é unha gran casa construída entre os distintos gremios da cultura: libro, creación audiovisual, artes escénicas, música, deseño, internet e novas tecnoloxías. Un fogar coas portas e ventás abertas sempre cara á sociedade. Un evento único, de periodicidade anual, que chega á súa quinta edición consolidado como a gran cita das industrias creativas en Galicia.




A Feira das Industrias Culturais de Galicia é moito máis que un encontro profesional. Culturgal é unha romaría á que acoden cada ano miles de persoas para coñecer de primeira man as novidades editoriais, o último en música, o glamour do audiovisual, a maxia das artes escénicas, os avances das novas tecnoloxías e mesmo as propostas máis marxinais en tres días de actividade sen tregua. Tres días de intenso traballo conxunto que convirten tamén a Feira nun lugar de encontro privilexiado para os axentes do sector, un espazo para a reflexión e a aprendizaxe, no que intercambiar experiencias e imaxinar novos proxectos baseados na colaboración e no apoio mutuo.





OZOCOgz, como proxecto de deseño galego que está botando a andar, vai participar nesta grande cita cultural co seu propio stand, na zona chamada "Garaxe", porque aposta por un grande evento no que a cultura e a lingua do país exprésanse mediante todo tipo de ferramentas, e nós tamén queremos achegar a nosa propia colleita.



Nós xa temos o camión cargado de material para prepararnos para as vosas visitas. Teremos os nosos produtos, os que xa coñecedes, e algunha que outra sorpresa. Non deixedes de pasar polo stand de OZOCOgz, inda que só sexa para saudar!